A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade destaca no Parlamento que o investimento territorializado do Estado en Galicia volverá situarse o próximo exercicio entre os máis baixos dos últimos 15 anos, continuando por debaixo do 9%

Ethel Vázquez demanda que as emendas arranxen uns Orzamentos do Estado para 2022 que ignoran as necesidades históricas de Galicia en infraestruturas

Vázquez Mourelle contrapón a présa en actuacións “que menos benefician aos cidadáns”, como o pago nas autovías, coa “parsimonia absoluta” nas infraestruturas viarias para a vertebración da comunidade, especialmente do interior

Lamenta que a autovía Santiago-Lugo non vaia estar rematada nos vindeiros 3 anos, así como o bloqueo das autovías Lugo-Ourense, Vigo-O Porriño, da Mariña e Ourense-Ponferrada

Sinala á desatención de demandas ferroviarias tan necesarias como a modernización da liña A Coruña-Ferrol, da conexión Ferrol-Ribadeo, da Variante de Cerdedo ou da liña ferroviaria do Miño, pese a que forma parte do Corredor Atlántico de Mercadorías

Traslada a preocupación polos insuficientes investimentos na Saída Sur de Vigo e avanza que o ferrocarril a Langosteira poderá avanzar moi pouco en 2022 cos orzamentos consignados

Advirte da ausencia de partida específica para a estación intermodal do AVE de Ourense e de orzamento insuficiente para construír a Variante Exterior de entrada do tren de alta velocidade na cidade

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, demandou hoxe no Parlamento de Galicia que as emendas nas Cortes Xerais arranxen uns Orzamentos do Estado para 2022 que ignoran as necesidades históricas de Galicia en materia de infraestruturas, tal e como demandou a Cámara autonómica de xeito unánime hai uns días.

Vázquez Mourelle sinalou que os Orzamentos Xerais do Estado para 2022 recollen un investimento territorializado en Galicia que se sitúa entre os máis baixos dos últimos 15 anos, e continúan por debaixo do 9%, en concreto, no 8,3%.

Na súa intervención, a conselleira contrapuxo as “présas” do Goberno para certas actuacións, “ás que menos benefician aos cidadáns”, como o pago nas autovías, coa “parsimonia absoluta” para dar resposta a necesidades en materia de infraestruturas viarias capitais para a vertebración da comunidade, especialmente no interior e nas zonas rurais.

Sinalou que o Goberno de España mantén o ninguneo á Galicia interior na súa planificación de estradas que, a efectos prácticos, se mantén case sen avances desde 2018. A ese respecto, lamentou que que a autovía Santiago-Lugo non vaia estar rematada nos vindeiros 3 anos, así como o bloqueo das autovías Lugo-Ourense, Vigo-O Porriño, da Mariña e Ourense-Ponferrada


Citou a partida de 250 M€ para avanzar nas obras licitadas para a modernización do corredor ferroviario Ourense - Monforte – Lugo, que xa acumulan tres anos de demora e exclúe as dúas variantes, a dos Peares e a de Rubián, imprescindibles para reducir os tempos da viaxe en 23 minutos e proporcionarlles alta velocidade real aos lucenses.

A conselleira afirmou que Ferrol seguirá sendo a gran prexudicada cos orzamentos do Goberno central para 2022, sen o investimento necesario para mellorar na conexión ferroviaria Ferrol-A Coruña ou para acondicionar a liña Ferrol-Ribadeo.

Ethel Vázquez lamentou, tamén, a falta de investimentos na Variante de Cerdedo, e na conexión Vigo-Guillarei-Ourense, a liña do Miño, pese a que forma parte do Corredor Atlántico de Mercadorías. Igualmente insuficiente considera o compromiso coa Saída Sur de Vigo e avanzou que os orzamentos previstos para a conexión ferroviaria de Punta Langosteira, na Coruña, non permitirán que en 2022 haxa un gran avance nas obras.

Advertiu de que os Orzamentos non inclúen as partidas necesarias para completar a Variante exterior ferroviaria de Ourense nin recollen unha partida para a estación intermodal da cidade.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade referiuse tamén á chegada da alta velocidade en Galicia, prevista para o vindeiro mes de decembro, e advertiu de que é necesario dispor de trens AVRIL de rodadura desprazable para acadar os tempos de viaxe competitivos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/10/2021