A Xunta lanza o 4º plan de rescate dirixido a autónomos e empresas, cuxas axudas poden solicitarse desde mañá

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria á que se destinan 134,4 millóns de euros que non se repartiron no 3º plan, no que se recibiron apenas 5.900 solicitudes a causa das esixencias e a burocracia esixida polo Estado

A nova orde da Xunta inclúe as modificacións introducidas polo Goberno central no Real Decreto que regula os pagamentos: amplía ao 30 de setembro de 2021 o prazo das débedas contraídas a cubrir polas axudas, e establece que poderán destinarse tamén a compensar custos fixos

As persoas interesadas poden solicitar as axudas ata o próximo 29 de novembro
 

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do 4º plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e empresas afectadas na súa actividade pola crise sanitaria, con axudas que poden solicitarse desde mañá e ata o próximo 29 de novembro.

O plan conta cunha dotación de 134,4 millóns de euros que quedaron sen executar do 3º plan de rescate, activado pola Xunta cos 234,4 millóns da transferencia estatal que lle correspondeu a Galicia no reparto por comunidades autónomas. Finalizado o prazo o pasado 30 de setembro tan só se recibiron 5.912 solicitudes, que representan aproximadamente o 42% dos fondos previstos, polo que é necesario realizar unha nova convocatoria co obxectivo de que a totalidade do orzamento chegue ao tecido produtivo de Galicia.
O motivo do fracaso do 3º plan ten a súa orixe nas condicións ríxidas e restritivas impostas no Real Decreto-lei 5/2021, de medidas extraordinarias de apoio á solvencia empresarial, co que o Goberno central regulou as axudas, especialmente pola obriga de destinar as mesmas ao aboamento de débedas. No primeiro e segundo plans realizados pola Xunta con fondos autonómicos (182 millóns de euros) xestionáronse un total de 80.000 solicitudes grazas á súa axilidade e fácil tramitación.

Ante a insistencia de comunidades, autónomos empresarios, o Goberno central realizou ata tres rectificacións do decreto inicial. A orde publicada hoxe no DOG incorpora a última desas modificacións, que apareceu no RD 17/20121 do 14 de setembro. Así, ampliase o período para imputar as débedas ás que se poden destinar as axudas, que deben ter sido contraídas entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de setembro de 2021; e establece que os cartos se poidan destinar a compensar custos fixos non cubertos nos que se incorreu nese período, e non só a débedas.

Os demais requisitos son os mesmos que na anterior convocatoria. Serán beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que tributen por módulos, que recibirán unha axuda máxima de 3.000 euros; así como o resto de persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas que teñan unha caída do volume de facturación de mais dun 30% no ano 2020 respecto do 2019. Neste último caso as axudas oscilarán entre un mínimo de 4.000 euros e un máximo de 200.000 euros.

O 4º plan deseñouse unha vez mas en colaboración co Diálogo Social e a Mesa do Emprego Autónomo na busca de fórmulas interpretativas que permitan sortear trabas burocráticas, axilizar os trámites e facilitar o acceso ás axudas ao maior número de persoas beneficiarias.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/10/2021