O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, compareceu hoxe na Cámara galega para presentar os orzamentos do seu departamento para o 2022

Os orzamentos da Vicepresidencia económica suman 490M€ para impulsar a recuperación e avanzar cara a unha Galicia intelixente e sostible que consolide tecido industrial

Medran un 35% os fondos destinados á transición enerxética xusta e un 20% os de impulso á innovación

As grandes liñas de actuación serán: acelerar a dixitalización das pemes (55M€), promover un modelo enerxético sostible (60M€), apostar pola innovación e o talento (110M€), impulsar a economía circular e as cadeas de valor (20M€) e apoiar a competitividade empresarial con novas liñas de financiamento (120M€) e o fomento da internacionalización (25M€)

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, presentou esta mañá no Parlamento os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano, que suman en total 490 millóns de euros para impulsar a recuperación e avanzar cara a unha Galicia intelixente e sostible que consolide o tecido industrial.

Superado o peor da crise sanitaria, dixo Conde na súa intervención, é o momento agora de “pasar da reactivación á recuperación económica”, entendida como unha oportunidade para iniciar un proceso de transformación do modelo produtivo que debe pivotar sobre a dixitalización e a sustentabilidade, porque diso dependerá a competitividade futura da economía e o progreso industrial de Galicia.

Con este fin, segundo expuxo, medran un 20% os fondos de impulso á innovación e un 35% os destinados á transición enerxética xusta. De tal maneira, o orzamento da Axencia Galega de Innovación (Gain) acada os 151,8M€ (é dicir, 25,1 millóns máis que os programados no 2021). E, na mesma liña, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e o Inega, disporán dun presuposto de 72,7M€, que son 18,6 máis que no actual exercicio.

Só estes dous departamentos acaparan o 46% do orzamento xeral da Vicepresidencia segunda. Outro 41% das contas de 2022 vai ir dirixido a acompañar as necesidades do tecido produtivo e a apoiar, neste escenario de transformacións, as pemes, industrias e emprendedores. Para iso, o Igape vai xestionar 201,9M€. Con respecto á Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), contará cunha partida orzamentaria de 16,9 millóns. E, por último, as actuacións destinadas á modernización do comercio, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, teñen consignada unha contía de máis de 25M€.

Acelerar a dixitalización das pemes

Con ese obxectivo, as grandes liñas de actuación da Vicepresidencia económica da Xunta serán, en primeiro lugar, acelerar a dixitalización das pemes, cun investimento de 55 millóns de euros. Para iso, habilitarase unha partida de 21,5M€ que inclúe a posta en marcha do programa Cheque Dixital (6,1M€), Centros de fabricación avanzada (5,4M€) e outras medidas de impulso á dixitalización.

Tamén se incrementan máis dun 20%, ata os seis millóns, os apoios para a transformación dixital e a modernización do comercio de proximidade. Deseñarase un Plan estratéxico para o sector TIC galego que vai ter o seu núcleo de desenvolvemento na Cidade das TIC, na Coruña, e impulsarase o Polo de Tecnoloxías Cuánticas, cun investimento de 18,2M€.

Promover un modelo enerxético sostible

A segunda das liñas será a de promover un modelo enerxético sostible, para o que se destinan 60 millóns. Entre outras iniciativas, fomentarase o autoconsumo de renovables e a eficiencia enerxética nos fogares e as pemes, e impulsaranse comunidades enerxéticas locais, cun investimento que suma 26M€. Dentro desta partida, dous millóns irán destinados exclusivamente ao Bono Social, para seguir ao lado das familias máis vulnerables que non poden facer fronte ao prezo da luz.

Tamén se destinarán 7,3 millóns de euros para mellorar a eficiencia enerxética na industria e un millón para axudar as pemes a reducir a súa pegada de carbono. Unha partida de 9,5M€ será para actuacións de mobilidade sostible, coa aprobación do Plan galego de transición cara a unha mobilidade eficiente (2,5M€), e para a implantación de infraestruturas de recarga (7M€).
Ademais, deseñarase un polo enerxético innovador centrado no hidróxeno verde (2M€).
E continuarase promovendo o uso da biomasa e doutras renovables de uso térmico, dando exemplo desde os edificios do sector público autonómico, cun orzamento que acada os 4,6M€.

Apostar pola innovación e o talento

A aposta pola innovación e o talento centra o terceiro eixe ao que estes orzamentos da Vicepresidencia económica consignan 110M€. Seguirase impulsando a innovación nas pemes cun paquete de apoios que suman 33,6M€ con iniciativas novas entre as que destacan: un programa dirixido a crear centros de innovación nas propias empresas (11M€) e un reforzo no apoio ás pemes a través dos Bonos de Innovación, especialmente buscando maior incidencia no medio rural (3M€).

Destínanse 27,4M€ para o Polo Aeroespacial de Galicia e 11,2M€ para consolidar o sector biotecnolóxico. Priorízase a captación de talento científico a través de distintos programas que suman en total sete millóns de euros. E, cun investimento que acada os 14,9M€, o obxectivo será que ningún proxecto de emprendemento viable quede no caixón por falta de apoio, porque iso supón facer unha aposta pola Galicia innovadora, pola Galicia moza e pola Galicia rural.

Impulsar a economía circular

Outro dos eidos de actuación buscará impulsar a economía circular e completar as cadeas de valor, ao que os orzamentos da Vicepresidencia económica destina 20 millóns. Será para axudar as pemes a valorizar os seus residuos e aplicar unha loxística máis eficiente (1M€). Tamén se impulsará a cadea de valor da industria forestal, promovendo a construción en madeira, mellorando a trazabilidade dos produtos e fomentando a ecoinnovación e os procesos ecoeficientes (15,2M€). E promoverase unha transformación sustentable do sector do comercio, incentivando modelos de negocio que aposten pola sostibilidade, o emprego mozo e a economía circular (3M€), e potenciando todas as canles de venda (física e dixital) para manter o tecido comercial nas vilas e cidades.

Apoiar con financiamento e a internacionalización


Finalmente, outro dos eixes estará enfocado a apoiar a competitividade do tecido empresarial. En concreto, o financiamento preséntase como un dos eidos con maior peso nos orzamentos para 2022, ao que se destinan 120M€ co obxectivo de chegar a mobilizar 300M€ en préstamos ás empresas. Como novidade, inclúense 18M€ para préstamos que parcialmente non van ser reembolsables, polo que ese diñeiro que deixa de reingresar a Administración se converte en axudas directas para as pemes. Modificarase, ademais, o decreto de avais para flexibilizar as liñas de apoio ao tecido produtivo. E activarase a liña de préstamos estratéxicos a outros sectores e actuacións.

Xunto con isto, tamén será prioritario recuperar a axenda internacional, cun orzamento de máis de 25M€, para manter o rumbo exportador e acadar os obxectivos marcados para 2025 na Estratexia para a internacionalización das empresas galegas que a Xunta aprobou recentemente: 8.000 empresas exportadoras e 25.000M€ anuais.

Recuperación económica e fondos europeos


Conde subliñou que este conxunto de medidas compoñen a estratexia da Vicepresidencia económica para traballar por unha Galicia intelixente e sostible; sumándose ao esforzo que a Xunta de Galicia no seu conxunto realizará nos orzamentos de 2022, onde se destinan 2.600 millóns de euros á recuperación da economía galega.

Un obxectivo que confrontou coa transición enerxética do Goberno porque, dixo, só xera desemprego e o desmantelamento de sectores estratéxicos da industria galega. E, neste contexto, destacou o papel decisivo e necesario que poden desempeñar os fondos europeos Next Generation como motor de impulso para levar adiante os grandes proxectos transformadores no tecido produtivo, con especial atención a pemes e autónomos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/10/2021