A Xunta investirá 85,8M€ no Xacobeo 2022 para reforzar a recuperación do turismo e celebrar o Ano Santo que Galicia merece

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para explicar as contas do departamento que dirixe para o vindeiro ano, que superan os 402 millóns de euros, un 2,6% máis que no 2021

O novo Plan Camiña reforzará o sector con 46,4 millóns, un 30,6% máis que no presente ano, co obxectivo de consolidar a marca Galicia como destino seguro con axudas a empresas (21,6 millóns de euros), a entidades locais (21,7 millóns) e a familias, universidades e entidades sen ánimo de lucro

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta investirá no segundo ano do dobre Xacobeo 21-22 ata 85,8 millóns de euros para seguir na senda de recuperación do turismo e para celebrar o Ano Santo que Galicia merece, logo das boas perspectivas coas que pechou o verán do 2021 e que se se están a manter no outono. A inversión é lixeiramente superior á destinada no 2021 ao primeiro ano do dobre Xacobeo.
A aposta polo turismo e polo Xacobeo é un dos aspectos máis salientables da comparecencia no Parlamento de Galicia do vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, para dar a coñecer as liñas mestras dos orzamentos da Xunta para o 2022 no departamento que el dirixe, e que ascenden a 402.578.087 euros, un 2,6% máis que o ano pasado, cun incremento de 10 millóns de euros.
Cunha recuperación do turismo 22 puntos por riba da media nacional, a Xunta redobrará a súa aposta polo sector para seguir botando man do turismo como un dos motores da recuperación económica e para intensificar o tráfico internacional, o que permitirá celebrar, por fin, “o Xacobeo que Galicia merece, coa previsión de acadar cifras históricas no Camiño de Santiago”, dixo Alfonso Rueda.

Con esa intención, o Goberno galego investirá no seu conxunto un total de 85,8 millóns de euros no Xacobeo, un evento sen precedentes para o que a Axencia Turismo de Galicia consignará 65,8 millóns (5 máis que este ano, cun incremento do 8,3%). De feito, Turismo de Galicia incrementará o seu presuposto nun 12% ata acadar os 126 millóns de euros, coa finalidade de seguir afianzando un sector fundamental na recuperación do país.

As inversións por mor do Ano Santo inclúen actuacións salientables na conservación das propias rutas xacobeas, e con esa intención vanse investir máis de 16 millóns en traballos de conservación do Camiño. A Xunta continuará mellorando e ampliando a Rede Pública de Albergues do Camiño, coa posta en marcha de catro novas hospedaxes no 2022: Piñor (1,1 millóns de euros), Ferrol (467.000 euros), Riós (262.000) e o primeiro albergue de peregrinos na cidade da Coruña (1,1 millóns), pendente este último da cesión da parcela por parte do Concello.

En referencia ao maior acontecemento turístico do ano en España, Alfonso Rueda lamentou que o Goberno central non se implicara cun evento que traspasa Galicia e beneficia a outras moitas comunidades autónomas. Malia iso, “de novo, nin unha palabra ao respecto no proxecto de lei dos Orzamentos Xerais do Estado”, lamentou.

Alfonso Rueda criticou, en concreto, que a punto de rematar o prazo para presentar propostas ao proxecto de rehabilitación dos Bens de Interese Cultural (BIC), cambiaran os criterios para esixir a titularidade pública dos monumentos beneficiados, “o que deixa fóra proxectos senlleiros que tiñan aquí unha oportunidade histórica”, lamentou o vicepresidente primeiro. A Xunta pedira 70 millóns de euros para os BIC, e non recibiu máis que 22,7.

Fronte a este “desleixo”, o vicepresidente primeiro asegurou que a Xunta “cumpriu coa súa parte” e que o seguirá facendo porque “agardamos que agora si, no 2022, poidamos celebrar o mellor Xacobeo da historia”.

A Xunta de Galicia foi consciente na pandemia da necesidade de inxectar axudas directas ao sector turístico para acompañalo nos meses nos que houbo que pechar ou restrinxir a actividade e para favorecer e acelerar a súa recuperación. Con ese motivo activáronse dous plans de rescate e puxéronse en marcha iniciativas pioneiras como Elixe Galicia, encamiñada a activar o consumo turístico e desestacionalizar a oferta, ou o bono turístico, cunha aceptación sen precedentes.

Nesa mesma senda, Alfonso Rueda anunciou que no 2022 vaise poñer en marcha o Plan Camiña de reforzo do sector, dotado con máis de 46,6 millóns (10,9 máis que no 2021, cun incremento do 30,6%), para reforzar a calidade e a seguridade de Galicia como destino, impulsar a innovación no sector e apostar pola sustentabilidade. O plan destinará 21,6 millóns ás empresas, 21,7 millóns ás entidades locais e 3,3 millóns máis a familias, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

Mellora das infraestruturas xudiciais e administrativas

Alfonso Rueda subliñou tamén que a Xunta seguirá apostando pola modernización da xustiza para garantir o dereito dos cidadáns a un servizo áxil e moderno. Con ese obxectivo vaise manter no 2022 o nivel inversor en infraestruturas, coa posta en marcha das obras da sede central do Imelga en Santiago (2,7 millóns no 2022 dunha contía total de 4,7 millóns) e dos novos xulgados da Estrada (1,4 millóns dun total de 2,4), entre outros proxectos.

Ofrecer unha xustiza de calidade non podería ser posible sen outras inversións que prevén os Orzamentos 2022, como a posta en marcha do Plan Senda 21-25 -continuación de Senda I e Senda II- para seguir dixitalizando a xustiza da man da Amtega, cun investimento total de 50 millóns de euros; a catalogación, dixitalización e expurgo dos arquivos xudiciais (987.000 euros) ou a inclusión de 2 millóns do plan plurianual para a renovación de equipamento e mobiliario dos arquivos e oficinas xudiciais. Desta maneira, a Xunta rematará o vindeiro ano o proxecto de dixitalización e a implantación de sistemas de videoconferencia en todos os xulgados galegos.
Unha xustiza de calidade precisa tamén dun bo equipo de profesionais, de aí que a Xunta teña previsto destinar 3,7 millóns á mellora da carreira profesional do seu persoal ao servizo da administración da xustiza; 1,5 millóns á dotación de 57 novas prazas e 13,3 millóns ao desenvolvemento da quenda de oficio, entre outras inversións.

Con estas previsións, o orzamento da Xunta no apartado de Xustiza superará os 169 millóns de euros no vindeiro exercicio.

A Xunta seguirá atendendo as necesidades dos edificios administrativos de titularidade autonómica e, nese senso, como xa se fixera co edificio da rúa Benito Corbal de Pontevedra, adaptarase o inmoble dos xulgados da rúa Lalín, en Vigo, para albergar dependencias que se destinarán fundamentalmente a asociacións, cun investimento total de 6,7 millóns de euros e unha partida de 3 millóns para o exercicio do vindeiro ano. Tamén se levarán a cabo traballos de eficiencia enerxética nos inmobles da Coruña (1,7 millóns dun total de 2,8), Ferrol (880.000 euros) e Lugo (460.000 euros dunha obra na que se investirán, en total, 2,2 millóns de euros).

Máis inversións para as emerxencias

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior seguirá traballando para reforzar os equipos de emerxencias e de seguridade pública en beneficio da poboación galega e, nese sentido, reserva unha partida de 1,5 millóns de euros nos Orzamentos de 2022 para incrementar o persoal dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal, actualizar os salarios dos efectivos e poñer en marcha un subGES no Grove, proposta que a Xunta fixo chegar a concellos e deputacións na reunión da comisión de seguemento dos GES, á espera da súa resposta.

Galicia conta, ademais, con 25 parques de bombeiros comarcais aos que a Xunta apoiará no 2022 con 10,1 millóns, ademais de manter o seu compromiso coas agrupacións de voluntarios de Protección Civil (360.000 euros) e co Grupo de Apoio Loxístico á Intervención da Axega (266.000). A maiores, consolidarase o incremento dun 19,6 % do orzamento de 2021 para o equipamento dos corpos de emerxencias e protección civil dos concellos, con 3,3 millóns no 2022. Pola súa banda, a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) mellorará as súas instalacións cun novo polideportivo e recuperará a formación presencial.

Na súa comparecencia no Parlamento de Galicia, Alfonso Rueda insistiu na necesidade de que o Goberno central dote á Unidade da Policía Autonómica (UPA) das prazas aínda vacantes, para poder dar resposta ás necesidades da poboación.


Da man dos concellos

O Fondo de Cooperación Local terá unha dotación de 135,7 millóns de euros, cunha suba de 8,6 millóns, o 6,8%. Sumando as transferencias (352,8 millóns), os concellos galegos recibirán preto de 488,5 millóns de euros, un 20% máis que no 2021. O Fondo de Cooperación Local, ademais, incorpora unha nova liña de 1,8 millóns para axudar aos concellos na compra de camións de recollida de residuos e contraincendios. As administracións locais de menos de 50.000 habitantes contarán, ademais, cun millón de euros en subvencións para adquirir vehículos eco ou híbridos para as súas policías locais.

A Dirección Xeral de Administración Local manterá o compromiso coa mellora das infraestruturas municipais, o reparto do fondo polo canon eólico, a loita contra a avespa velutina e as iniciativas das asociacións veciñais, que se reforzan.

Este departamento atenderá tamén ás conclusións do traballo da Universidade de Santiago de Compostela para delimitar as competencias das administracións locais e autonómica e terá en conta as conclusións do estudo que se vai poñer en marcha para analizar a viabilidade de impulsar novos procesos de fusións municipais.

Galicia no exterior

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea disporá de 10,6 millóns de euros, cun incremento do 3,2 % respecto do ano anterior. O orzamento investirase, sobre todo, no programa de cooperación ao desenvolvemento, que sobe un 5,2%, o que permitirá reforzar as convocatorias públicas de subvencións en concorrencia competitiva de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía xeral, de axuda humanitaria e emerxencias e de cooperación no exterior, promovidos polas ONGD e outros axentes.

A Xunta de Galicia manterá a súa aposta pola Fundación Galicia Europa para seguir reforzando a súa presencia na UE e defender así os seus intereses fronte ao brexit, nas políticas pesqueiras, as demográficas ou o PAC, así como promover o Xacobeo no exterior, defender o Corredor Atlántico e atender, especialmente, ao desenvolvemento dos fondos Next Generation.

Respecto das relacións con Portugal, a Xunta manterá a súa aposta polos programas conxuntos que permitiron xestionar máis de 163 millóns en 85 proxectos de cooperacións transfronteiriza no marco da Eurorrexión.

A Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias disporá no 2022 de 2,9 millóns de euros para seguir traballando como ligazón coas outras institucións e facendo seguimento das normativas estatais e doutras comunidades autónomas.

Pola súa banda, a Asesoría Xurídica contará cun orzamento de 2,8 millóns para seguir asumindo a dirección e coordinación dos servizos de asistencia xurídica da Xunta.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/10/2021