A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro participou nunha xornada de igualdade de xénero no ámbito marítimo organizada polo Parlamento Europeo

Galicia ve clave avanzar no recoñecemento do rol feminino no mundo do mar con normativas que atendan as súas necesidades

Susana Rodríguez salientou a contribución do asociacionismo e da Administración autonómica á profesionalización das mariscadoras e das redeiras

A representante da Xunta solicitou o apoio das institucións europeas dedicadas ao mar para que o traballo das mulleres no ámbito marítimo-pesqueiro teña o seu recoñecemento

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2021.- A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, destacou hoxe a necesidade de avanzar en normativas que atendan as necesidades da muller no mundo laboral vencellado co mar. Así o sinalou durante unha xornada de igualdade de xénero no ámbito marítimo organizada polo Parlamento Europeo no marco da iniciativa Semana europea da igualdade de xénero, na que a directora xeral participou por videoconferencia.
Neste sentido, Susana Rodríguez destacou a regulación específica do marisqueo a pé de Galicia, que desde o 2011 recolle aspectos orientados ao benestar das mulleres na profesión, como a suspensión do permiso de da actividade para a conciliación da vida laboral e familiar ou en casos de violencia de xénero. Estes apoios, subliñou, son clave para o avance na profesionalización das actividades vencelladas co mar que son maioritariamente femininas.
Nesta liña, puxo como exemplo os casos das mariscadoras a pé e das redeiras e salientou a contribución do asociacionismo e da Administración autonómica ao seu recoñecemento profesional co obxectivo de que estas profesionais puidesen optar a beneficios como as axudas públicas.
A formación é outra das ferramentas que destacou Susana Rodríguez para o reforzo da profesionalización. Neste ámbito puxo en valor a rede de escolas de Galicia que imparte formación relacionada coas profesións ligadas ao mar.
A maiores, a directora xeral aproveitou a ocasión para solicitar o apoio das institucións europeas dedicadas ao mar para que o traballo das mulleres no ámbito marítimo-pesqueiro teña o seu recoñecemento.

Presenza feminina

Durante a súa intervención, Susana Rodríguez tamén fixo fincapé no peso de Galicia como primeira rexión pesqueira de Europa e subliñou a notable presenza feminina en distintas áreas. Entre elas no marisqueo a pé, onde dos arredor de 3.700 profesionais máis do 70% son mulleres e no eido dos cultivos mariños, no que máis de 1.100 mulleres representan máis do 20% da ocupación neste ámbito. Tamén destacou a importante presenza feminina na industria da conserva e o conxelado de produtos do mar, na que máis do 70% dos empregos están ocupados por mulleres.
En relación á pesca, Susana Rodríguez explicou que en Galicia son preto de 500 as profesionais que traballan como tripulantes de buques de pesca, o que supón algo máis do 4% do sector. Malia esta menor presenza da muller nesta área, expuxo a directora xeral, as cifras de ocupación feminina aumentaron e fixo fincapé na necesidade de seguir traballando para visibilizar o papel da muller neste campo e afrontar o reto da remuda xeracional.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 28/10/2021