A Xunta colabora con 36 pemes e microempresas galegas para que mobilicen 5,6M€ na mellora das súas capacidades de innovación

O programa InnovaPeme 2021 concede axudas ás compañías para a realización de actividades de innovación coordinadas a través dun plan de actuacións

Os obxectivos son, entre outros, incrementar o número de empresas innovadoras, aumentar a competitividade das pemes galegas e potenciar a colaboración co resto de axentes do ecosistema de innovación

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), vén de resolver a cuarta edición do programa InnovaPeme, que potenciará as capacidades e actividades innovadoras de 36 pequenas e medianas empresas –o 61% microempresas con menos de 10 empregados–, a través dunha liña de axudas de 2,8 millóns de euros que, grazas á colaboración público-privada, permitirá mobilizar un investimento en I+D+i de 5,6M€.

O importe medio dos apoios, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, é de 77.700 euros, un 50% do custo subvencionable destes plans. O obxectivo final é promover a cultura da innovación, incrementar o número de empresas, aumentar a competitividade das pemes galegas, potenciar a colaboración das mesmas co resto de axentes do ecosistema innovador, favorecer a comercialización de resultados de I+D+i e ampliar a visión por parte dos xestores.

Nesta convocatoria, como novidade, quedaron excluídas aquelas empresas que xa foron beneficiarias do programa en edicións anteriores, co fin de achegar a innovación ao maior número de compañías posible para ampliar a base de firmas innovadoras galegas. De feito, 21 das 36 empresas beneficiarias (un 58%) non tiveron antes axudas de Gain.

InnovaPeme 2021 contribuirá á creación e mantemento de emprego de calidade, xa que os plans apoiados contemplan a contratación de 45 novos técnicos, un 42% deles pertencentes a colectivos sensibles como mulleres e persoas discapacitadas, así como o mantemento de 149 postos de traballo. Cómpre subliñar que seis de cada dez contratos teñen carácter indefinido.

A duración media da posta en marcha destas actividades de innovación é de 15 meses e medio e destaca nesta convocatoria o aumento no número de colaboracións con organismos de investigación e empresas provedoras de tecnoloxía, en liña coa filosofía de fomentar a innovación aberta e a creación de sinerxías, que se incrementou nun 43% desde a primeira edición desta iniciativa.

Balance

Desde a posta en marcha de InnovaPeme, no ano 2017, a Xunta concedeu axudas a un total de 160 compañías a través dun orzamento de 13,3 millóns de euros, o que favoreceu unha mobilización de 26,6 millóns de gasto en I+D+i. O 48% dos apoios foron para microempresas, o 31% para pequenas empresas e o 21% restante para medianas compañías. Os sectores relacionados coas TIC, a enxeñaría e o agroalimentario foron os que recibiron un maior apoio.

Por outra parte, a raíz destas catro primeiras convocatorias, o programa permitiu o mantemento e creación de 767 postos de traballo e está a impulsar 224 colaboracións con universidades e centros e empresas tecnolóxicas, polo que se logrou reforzar a innovación colaborativa entre estas entidades de menor tamaño.

A iniciativa compleméntase con outras medidas postas en marcha polo Goberno galego dirixidas ao fortalecemento das pequenas e medianas empresas galegas a través da innovación, como o Programa de impulso á innovación nas pemes, ao que a Xunta destina 12M€ co obxectivo de beneficiar a 15.000 pemes e microempresas. Así, inclúe actuacións como a nova liña de axudas DeseñaPeme para mellorar a capacidade de innovación e sustentabilidade a través da incorporación e a xestión do deseño estratéxico ou Conecta Hubs e Conecta Covid, pensados para favorecer a transición dixital.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/11/2021