A Xunta adxudica a redacción do proxecto de mellora do bombeo de Cocheras, en Pontevedra, cuxas obras suporán un investimento autonómico de 3,7M€

O contrato de redacción, adxudicado por preto de 94.000€, terá un prazo de 6 meses

O servizo adxudicado deberá definir un conxunto de infraestruturas hidráulicas na rede municipal para transportar desde Cocheras 1.600 litros/segundo cara á depuradora dos Praceres, en lugar dos 600 litros/segundo actuais

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo da mellora do bombeo de Cocheras, en Pontevedra, cuxas obras suporán un investimento autonómico de 3,7 millóns de euros.

Este contrato, adxudicado a Novotec Consultores, SA por preto de 94.000 euros, terá un prazo de execución de 6 meses.

O servizo adxudicado deberá definir un conxunto de infraestruturas hidráulicas na rede municipal para transportar desde Cocheras 1.600 litros/segundo cara á depuradora dos Praceres, en lugar dos 600 litros/segundo actuais.

A redacción do proxecto construtivo definirá novas conducións con capacidade para asumir o caudal na marxe da ría, estancas, para evitar infiltracións, así como unha estrutura de desbaste para xestionar os sólidos grosos e que a auga residual que vai á depuradora chegue xa pretratada.

O obxectivo é iniciar este ano a redacción do proxecto construtivo e licitar as obras en 2022, cuxo investimento será achegado desde a Xunta, empregando tamén fondos Feder 2014/2020.

Esta actuación de Augas de Galicia no bombeo de Cocheras é unha das doce actuacións definidas no Plan de saneamento local da ría, que a Xunta se comprometeu a executar para axudar aos concellos de Pontevedra, de Poio e de Marín nas súas competencias e acadar o saneamento integral da ría. Suman un investimento autonómico de 47 M€.

Cómpre lembrar que entre estas actuacións se inclúe a mellora da depuradora dos Praceres, cun orzamento de 16,5 M€, xa realizada e actualmente en fase de probas, e as obras do novo emisario, cun investimento de 12 M€, en execución.

Tamén se inclúen nestas intervencións a mellora da rede de saneamento do río Lameira, en Marín, ou o novo bombeo da Seca e de Porto Campelo, en Poio.

A Xunta segue traballando para avanzar cara ao saneamento integral desta ría, catalogada en Europa como “zona sensible”, pola súa importancia para o marisqueo, a pesca e todas as actividades que se desenvolven ao seu arredor.

Data de actualización: 02/11/2021