A Xunta licita as obras para dotar de servizo de saneamento o núcleo de Reboredo, no concello de Campo Lameiro, cun investimento de preto de 363.000 €

A intervención, cun prazo de 4 meses, enmárcanse no convenio mediante o que Augas de Galicia cofinanciará a actuación nun 80% e o Concello contribuirá co 20% restante

As empresas interesadas en executar este proxecto poderán presentar as súas ofertas desde hoxe e ata o vindeiro 3 de decembro

O obxectivo é levar as augas residuais á estación depuradora da Laxe para o seu tratamento, pois na actualidade Reboredo non conta con sistema de saneamento

Construirase unha nova rede con 1.386 metros de lonxitude, formada por seis colectores de saneamento de augas fecais
 

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou as obras para dotar de servizo de saneamento o núcleo de Reboredo, no concello de Campo Lameiro, que suporán un investimento de preto de 363.000 euros.

As empresas interesadas en executar este proxecto poderán presentar as súas ofertas desde hoxe e ata o vindeiro 3 de decembro.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación destas actuacións, cun prazo de execución de 4 meses. A intervención enmárcase na colaboración entre a Xunta e o Concello de Campo Lameiro para levar o servizo de saneamento ao núcleo de Reboredo.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 80%. O Concello de Campo Lameiro contribuirá ao financiamento do 20% restante.

As obras serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

A entidade local asume tamén a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Actuacións

Na actualidade o núcleo de Reboredo carece de sistema de saneamento municipal adecuado, contando unicamente cunha canalización de augas pluviais de recente implantación.

Neste sentido, executaranse as obras necesarias para levar as augas residuais urbanas á estación depuradora existente na Laxe para o seu tratamento.

A actuación consiste na construción dunha nova rede con 1.386 metros de lonxitude, formada por seis colectores de saneamento de augas fecais, con tubaxe. Os pozos de rexistro executaranse in situ, con cerco e tapa de fundición.

Con estas obras darase servizo a unha poboación de 65 habitantes para o ano horizonte de 2041.

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos de saneamento e abastecemento.
 

Data de actualización: 05/11/2021