A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade informou de que o obxectivo é que as obras poidan empezar a comezos de primavera para estar rematadas no vindeiro outono

Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras das sendas peonís en Vilar de Cas e Güimil e da mellora da contorna do santuario de Couso de Salas, en Muíños, cun investimento da Xunta de 200.000 €

Esta intervención na estrada OU-302 porá á disposición dos veciños 560 metros de novos itinerarios para desprazarse dun xeito máis cómodo e seguro e contribuirá a poñer en valor o Santuario de Couso de Salas como atractivo turístico

Habilitaranse 3 treitos de sendas pola marxe dereita da vía en Vilar de Cas, que suman 450 metros de lonxitude, e outros 100 metros no lugar de Güimil, para facilitar os desprazamentos entre o centro sociocultural e as vivendas da zona

Tamén se prevé mellorar a accesibilidade, a reposición de beirarrúas e a colocación dunha marquesiña na contorna do Santuario, así como a execución dun pequeno muro de contención e a reparación dunha cuneta deteriorada no lugar de Souto de Limia

A conselleira enmarca estas actuación na aposta da Xunta polos concellos do rural de Galicia, excluídos polo Goberno de España dos investimentos con cargo aos fondos de reconstrución Next Generation

As empresas interesadas dispoñen de prazo ata o vindeiro 7 de decembro para presentar as súas ofertas

Muíños (Ourense), 10 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación hoxe das obras das sendas peonís en Vilar de Cas e Güimil e da mellora da contorna do Santuario de Couso de Salas, no concello de Muíños, cun investimento da Xunta de case 200.000 euros.

Vázquez Mourelle visitou esta mañá Muíños para presentar as actuacións previstas na estrada autonómica OU-302 ao seu paso por este concello, onde avanzou que o obxectivo da Xunta é iniciar as obras a comezos da primavera para que poidan estar rematadas no vindeiro outono, pois teñen un prazo de execución de seis meses. Precisou que as empresas interesadas en realizar os traballos teñen ata o vindeiro día 7 de decembro para presentar as súas ofertas.
A conselleira detallou que con estas obras en Vilar de Cas e en Muíños quere poñerse á disposición dos veciños un total de 560 metros de novos itinerarios que lles permitan desprazarse dun xeito máis cómodo e seguro. Ademais, a intervención na contorna do Santuario de Couso de Salas contribuirá a poñer en valor e reforzar o atractivo turístico dese monumento.

A actuación proxectada en Vilar de Cas suporá habilitar 3 treitos de sendas pola marxe dereita da estrada, que suman 450 metros de lonxitude, incluíndo, tamén, a drenaxe para a condución das augas pluviais e da rede de sumidoiros.
Igualmente, actuarase na marxe dereita da OU-302 no lugar de Güimil, executando outros 100 metros de senda para facilitar os desprazamentos entre o centro sociocultural e as vivendas da zona.

Ademais mellorarase a accesibilidade na contorna do Santuario de Couso de Salas, coa reposición de beirarrúas e coa colocación dunha marquesiña na parada de autobús. A ese respecto, Ethel Vázquez apuntou que, aínda que neste núcleo existen beirarrúas cun ancho aproximado de 1,5 metros, está previsto mellorar a súa accesibilidade e reparar as baldosas e os bordos deteriorados, ademais de dotar de pavimento podotáctil as ramplas e os vaos dos pasos peonís.

Tamén se actuará no lugar de Souto de Limia, respondendo a unha necesidade detectada polos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, coa execución dun pequeno muro de contención e a reparación dunha cuneta deteriorada.

Ethel Vázquez salientou que con esta actuación a Xunta mantén a súa aposta polos concellos do rural, como neste municipio do interior de Galicia, contribuíndo, con investimentos coma este, a mellorar os servizos aos veciños.

O Goberno galego financiará estas obras con fondos do eixe React-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

Fronte a isto, apuntou, o Goberno de España, excluíu os municipios de menos de 50.000 habitantes dos investimentos en mellora da mobilidade que se poden executar con cargo aos fondos de reconstrución do programa ‘Next Generation’.

Lembrou que a Xunta, e 153 concellos galegos impulsaron a declaración institucional ‘Por un rural forte e conectado’ co obxectivo de que o Goberno tivese en conta as reivindicacións de Galicia e impulsase un cambio nos criterios de reparto dos fondos de reconstrución para avanzar de xeito decidido cara a unha maior vertebración e cohesión social.

A conselleira lamentou que o Goberno de España non teña atendido estas peticións, e reafirmou que a Xunta seguirá a traballar para “facer máis con menos” e apostando por actuacións que contribúan ao progreso e ao benestar dos veciños do interior de Galicia.

Obras de saneamento

Ethel Vázquez destacou que esta actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade en Muíños súmase a outra obra licitada tamén polo seu departamento o pasado mes de outubro. Referiuse así ao proxecto para mellorar os servizos de saneamento en varios núcleos do municipio, que suporá un investimento de 205.000 €, que será achegado pola Xunta nun 80%.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/11/2021