A Xunta impulsa actividades formativas e de inserción laboral para case 200 persoas en Caldas de Reis co novo obradoiro de emprego e 11 cursos AFD

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde, Juan Manuel Rey, presidíu a inauguración da iniciativa dual Os Camiños do Camiño II, que formará a 20 persoas desempregadas e na que a Consellería de Emprego e Igualdade inviste 347.000€

Este obradoiro durará nove meses e despregará os módulos de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e Xardíns e Colocación de Pedra Natural para proseguir coa recuperación da contorna da antiga central hidroeléctrica de Segade

Caldas de Reis, 11 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, está a impulsar actividades formativas, de mellora da empregabilidade e de impulso da inserción laboral para case 200 persoas en Caldas de Reis co novo obradoiro de emprego dual Os Camiños do Camiño II e once cursos AFD de formación para desempregados.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou hoxe o “forte compromiso do Goberno galego coa xeración de emprego na contorna do Ulla-Umia” a través de todas estas iniciativas durante o acto de inauguración do obradoiro de emprego, no que estivo acompañado do alcalde, Juan Manuel Rey, na contorna da Fervenza de Segade.

A iniciativa laboral Os Camiños do Camiño II, que toma o testemuño da primeira edición clausurada hai algunhas semanas, vai formar a unha vintena de persoas desempregadas de Caldas durante os vindeiros nove meses grazas a un investimento de 347.000 euros da Consellería de Emprego e Igualdade.

Os alumnos distribuiranse nos módulos de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e Xardíns e Colocación de Pedra Natural e recibirán formación teórica nestas materias e tamén acometerán traballos prácticos que están orientados a continuar coa restauración de toda a contorna da antiga central hidroeléctrica de Segade coa recuperación paisaxística dos sendeiros, o acondicionamento dos bosques e a consolidación dos seus elementos patrimonais. Ademais, e grazas ao formato dual do obradoiro, os participantes terán a posibilidade de realizar, ao seu remate, prácticas relacionadas con estes oficios en empresas da zona.

Luis López agradeceu aos participantes “a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos e a súa experiencia para outorgarse máis oportunidades no mercado en dous sectores que cada vez teñen máis demanda”.

Ademais deste novo obradoiro, a Xunta está a financiar en Caldas de Reis, dende este outono, un total de once cursos AFD de formación para desempregados con capacidade para ata 165 persoas e que, nalgúns casos, aínda teñen a fase de inscrición aberta. Estes cursos, que supoñen un investimento de 389.000 euros e que contan cunha carga lectiva global de 4.258 horas, están orientados a actividades auxiliares de almacén, decoración, atención sociosanitaria, montaxe, traballos forestais e actividades portuarias.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/11/2021