A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou hoxe esta intervención, á que as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 13 de decembro, e que se prevé iniciar a finais do mes de marzo

Ethel Vázquez anuncia a licitación da reforma da estación de autobuses de Cangas, que suporá un investimento da Xunta de 400.000€ e estará rematada o vindeiro verán

Aprovéitase a proximidade á terminal marítima para potenciar o carácter intermodal da estación de autobuses, poñendo en valor a súa singular imaxe e mellorando a súa funcionalidade, a eficiencia enerxética e a accesibilidade

Actuarase no edificio da estación, impermeabilizando a cuberta, con traballos de pintura, redistribución dos espazos, dotación de iluminación LED e colocación dun panel cos horarios de buses e barco, ademais de mellorar as dársenas e a zona de espera de viaxeiros

Cangas (Pontevedra), 12 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras de reforma da estación de autobuses de Cangas, que suporán un investimento da Xunta de 400.000 euros e estarán rematadas o vindeiro verán.

A Xunta licita por algo máis de 362.000 euros esta actuación, que sumados aos custos de redacción do proxecto e da dirección das obras, eleva o investimento a case 400.000 euros. O contrato establece de prazo ata o 13 de decembro para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas.

Vázquez Mourelle presentou hoxe esta intervención que se prevé iniciar a finais de marzo, cun prazo de execución de 4 meses, polo que estará rematada o vindeiro verán. Apuntou que de forma paralela, a Xunta avanza na tramitación para licitar tamén proximamente o novo contrato de concesión para a xestión das instalacións desta estación.

A actuación ten como obxectivo mellorar e modernizar a área de transporte público que forman a estación de autobuses e a marítima para impulsar a intermodalidade. Ethel Vázquez destacou que a estación de autobuses acolle cada ano case 40.000 expedicións e máis de 75.000 viaxeiros, e a terminal marítima dará servizo este ano a 700.00 usuarios.

Actuacións

Co fin de acadar a intermodalidade, a conselleira explicou que se actuará no edificio da estación, impermeabilizando a cuberta plana, con traballos de pintura interior e exterior, coa redistribución dos espazos e coa mellora da iluminación LED. Tamén se instalarán portas automáticas, equipos de climatización e ventilación, unha nova instalación eléctrica e panel informativo cos horarios dos barcos e dos autobuses.

Ademais adecuarase a zona de dársenas, cun tratamento anticorrosivo e a dotación de novos paneis na cuberta. Tamén se actuará no espazo de espera dos viaxeiros, instalando unha mampara de vidro, bancos e iluminación LED e luminarias.

O proxecto tamén inclúe a reordenación da contorna da estación e a súa relación coa vila. Para iso, disporanse 2 prazas de ‘kiss & ride’, un acceso peonil principal á dársena directamente desde o paseo marítimo e un pavimento podotáctil que facilite a orientación das persoas con problemas de visión.

Para contribuír á seguridade viaria nos arredores da estación e facilitar o seu bo funcionamento, Ethel Vázquez explicou que a terminal se delimitará cunha varanda perimetral e que se instalarán dúas barreiras automáticas que protexerán ao resto de condutores e aos peóns da circulación dos autobuses.

A titular de Infraestruturas puxo en valor a aposta da Xunta polo fomento da mobilidade sostible no Morrazo, onde se vén desenvolvendo unha actividade moi intensa, tanto no reforzo da seguridade das estradas autonómicas, como optimizando o funcionamento e as tarifas do transporte público. Lembrou que actualmente 2.674 mozos de Cangas viaxan gratis nos autobuses e nos barcos do transporte de ría coa tarxeta Xente Nova da Xunta.

A Xunta tamén está a dar un salto adiante nas infraestruturas do transporte coas estacións intermodais, como a que está a piques de rematar en Vigo, para ofrecer un intercambio áxil e seguro entre os distintos medios de transporte e aproveitar o potencial da chegada do AVE.

A mellora da estación de autobuses de Cangas é susceptible de ser financiada no marco do eixe REACT-UE do programa FEDER Galicia 2014-2020, como resposta á pandemia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/11/2021