A Xunta participa en León nunhas xornadas científicas sobre os novos desafíos na análise da severidade de grandes lumes forestais

A investigadora do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural, analizou a eficacia das accións de mitigación do risco erosivo que se levan a cabo despois dun incendio en Galicia

Galicia é unha das poucas rexións do mundo que emprega a técnica do mulching, acumulando así experiencia sobre a execución e efectividade deste tratamento

León, 13 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta vén de participar en León nunhas xornadas científicas sobre os novos desafíos na análise da severidade de grandes incendios forestais, organizada pola Unidad de investigación sobre ecología aplicada y teledetección da Universidad de León. Así, por parte da Consellería do Medio Rural, a investigadora do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Cristina Fernández, abordou o impacto da xestión post-incendio na erosión e na recuperación e conservación das comunidades vexetais.
Neste senso, Cristina Fernández presentou os resultados dos traballos de monitorización levados a cabo no Centro de Investigación Forestal de Lourizán sobre a eficacia das accións de mitigación do risco erosivo que se levan a cabo despois dun incendio en Galicia, concretamente mediante a técnica do mulching. Cabe sinalar que Galicia é unha das poucas rexións do mundo que emprega este tipo de tratamentos, acumulando así experiencia sobre a execución e efectividade destas actuacións. Así, a investigadora explicou que a técnica do mulching permite crear unha cuberta protectora do solo empregando materiais como a palla de cereais (de trigo, de cebada ou de centeo habitualmente) e aplícase cun helicóptero -helimulching- nas zonas de máis pendente e de forma manual -mulching- nas áreas accesibles a pé.
Así mesmo, Cristina Fernández abordou tamén a planificación que leva a cabo o Goberno galego tras un incendio forestal onde se fai necesario levar a cabo este tipo de actuación. Neste senso, incidiu en que se hai unha boa xestión previa do monte e unha rápida actuación dos medios de extinción, o nivel do dano que sofren o solo é menor, incluso chegando a que non se alteren as propiedades físico químicas, o cal a capacidade de que se mobilicen arrastres erosivos de importancia neses solos é moi baixa.
Durante esta xornada analizáronse os principais aspectos para determinar a severidade dos lumes e as súas consecuencias ecolóxicas en distintos ecosistemas da Península Ibérica, América do Norte e Brasil, a través dun encontro entre investigadores das áreas mencionadas e os xestores do territorio.

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 13/11/2021