Vigo acolle desde hoxe a mostra impulsada pola Xunta en homenaxe a Antonio Palacios

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, visitou no Museo do Mar de Galicia a exposición, que vén de abrir ao público, para ser visitada ata finais de xaneiro

Enmárcase no programa de actividades que está a impulsar o Goberno autonómico con motivo do Ano Palacios

Reúne máis de 200 pezas, entre as que figuran unha réplica da maqueta do Gran Vigo, elaborada por alumnado do IES Politécnico da cidade

Vigo, 13 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou no Museo do Mar de Galicia a exposición Antonio Palacios. Soños de modernidade, compromiso con Galicia, coa que desde hoxe a Xunta lle rende homenaxe ao urbanista e arquitecto galego, no marco do programa de actividades que está a impulsar o Goberno autonómico con motivo do Ano Palacios.

Na súa visita, Román Rodríguez referiuse á “creatividade única” de Palacios, que lle permitiu deixar “unha pegada imborrable no imaxinario arquitectónico de Galicia”. Para o conselleiro, Antonio Palacios foi quen de “crear unha marca propia” coa que soubo “combinar vangarda creativa co modelo residencial galego”. Ademais, incidiu na vixencia da súa obra e na necesidade de poñela en valor e de divulgala entre as novas xeracións.

Comisariada polo catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago (USC), Jesús Sánchez García, a mostra reúne máis de 200 pezas, algunhas nunca antes expostas. Entre elas, Román Rodríguez destacou a réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo, elaborada ex profeso por alumnado do IES Politécnico desta cidade.

Percorrido en tres ámbitos

A través de tres ámbitos, Arquitecturas para a modernidade, Os apoios na tradición e na historia e A construción dunha identidade, o público poderá achegarse tanto á produción arquitectónica como ás inquedanzas artísticas e ás iniciativas culturais de Antonio Palacios na súa traxectoria vital entre Galicia e Madrid.

Nas distintas seccións amósanse planos de proxectos, así como imaxes das principais obras en Galicia e Madrid tomadas polo fotógrafo Ricardo Grobas, vellas fotografías do arquitecto e das súas amizades, prensa histórica para documentar a acollida das súas propostas e diferentes iniciativas culturais, e tamén pezas orixinais relacionadas cos seus deseños para a decoración interior dos edificios. Hai, ademais, numerosas maquetas que amosan diferentes edificios como o Teatro García Barbón de Vigo, o Círculo de Bellas Artes e o Templo do Mar de Panxón, entre outras. A mostra inclúe tamén algunhas pezas audiovisuais nas que se reúnen fragmentos de vellas películas nas que asoman os seus edificios, facilitadas pola Filmoteca de Galicia. A mostra poderá visitarse ata xaneiro de 2022 de martes a venres de 10,00 horas a 14,00 horas e de 16,00 horas a 19,00 horas. Os sábados, domingos e festivos, poderá visitarse de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 20,00 horas.

Antonio Palacios

Recoñecido por diferentes estudosos como a figura de maior interese na arquitectura española dos primeiros anos do S.XX, Antonio Palacios naceu no Porriño en 1874 e morreu en Madrid en 1945. Estudou arquitectura en Madrid, cidade na que levou a cabo un dos seus primeiros proxectos tras gañar, xunto ao seu compañeiro de carreira Joaquín Otamendi, o primeiro premio no concurso para construír o Palacio de Comunicacións de Madrid, en Cibeles.

Na súa ampla carreira profesional levou a cabo numerosos proxectos tamén en Galicia, incluíndo varios para reformas urbanas e plans de ensanche e modernización, como os preparados para Vigo e Vilagarcía de Arousa nos anos 20, entre outros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/11/2021