A Xunta declara de interese galego a Fundación Enxeñaría Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia

Ademais, coa publicación de hoxe da resolución no Diario Oficial de Galicia, ordénase a inscrición de dita entidade no Rexistro correspondente

Esta fundación foi constituída polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia e contempla, entre outras actividades, o desenvolvemento de liñas de investigación, innovación e divulgación

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se declara de interese galego e se ordena a súa inscrición no Rexistro correspondente da Fundación Enxeñaría Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia. A pertinente declaración e inscrición procede porque esta Fundación ten como obxectivo acadar os fins de desenvolvemento sustentable promovidos pola FAO (organización das Nacións Unidas para a alimentación e a agricultura) a través da promoción da investigación, desenvolvemento, innovación e divulgación (I+D+i+d).
Esta entidade foi constituída polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia e para a consecución dos seus fins contempla entre outras actividades o desenvolvemento de liñas de investigación, innovación e divulgación, así como a mellora e difusión do coñecemento relativo aos seus obxectivos mediante conferencias, xornadas, cursos, publicacións e participación e organización de actos de interese.
Así mesmo, a Fundación céntrase na promoción dos profesionais do sector agrícola sempre en relación coas súas capacidades relativas á consecución da finalidade de promoción sustentable das actuacións no eido da produción agropecuaria, os sistemas alimentarios e a conservación dos ecosistemas, a paisaxe e os recursos, mediante bolsas e axudas, premios e eventos e divulgación das actuacións da entidade.
Do mesmo xeito, tamén ten como obxectivo promover convenios específicos con institucións públicas e privadas para o cumprimento dos seus fins, así como participar nas iniciativas de interese común da Xunta, da USC e do propio colexio de enxeñeiros agrónomos, asumindo a súa coordinación no caso de ser designada para asumir esa función.

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 15/11/2021