Xunta e colectivo Egeria réndenlle unha homenaxe póstuma a Manuel Regueiro Tenreiro en Lugo

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa no acto en memoria do que foi director xeral de Política Lingüística da Xunta entre 1989 e 2000

Súmase ás xa realizadas o pasado verán en Santiago e Perbes e incluíu a presentación do libro ‘Manuel Regueiro Tenreiro. Harmónico bilingüismo. Harmonía vital’
 

Lugo, 15 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán no acto de homenaxe póstuma a Manuel Regueiro Tenreiro, director xeral de Política Lingüística da Administración autonómica entre os anos 1989 e 2000, promovida polo Colectivo Egeria coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O tributo, que se suma aos xa celebrados en verán en Santiago de Compostela e Perbes, incluíu a presentación do libro Manuel Regueiro Tenreiro. Harmónico bilingüismo. Harmonía vital, que ofrece unha semblanza de quen foi responsable da política lingüística da Xunta e tamén da creación e posta en marcha do Centro Ramón Piñeiro en 1993.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade loou "o espírito de concordia que Manuel Regueiro Tenreiro lle aplicou á xestión e á planificación lingüística, como ao resto das ordes da vida" e lembrouno "como o promotor e ideólogo de liñas de traballo e proxectos cruciais na proxección exterior do galego e da investigación ou docencia arredor del, como a Rede de Centros de Estudos Galegos, inaugurada co Lectorado de Lingua, Literatura e Cultura Galega de Salamanca ou o Museo Pedagóxico de Galicia". O secretario xeral referiuse ao seu antecesor no cargo como "un home, un profesional e un político de altura cuxa bonhomía marca o exemplo e o vieiro polo que seguimos a camiñar con orgullo e entusiasmo todas e todos os que traballamos a prol da lingua galega".

Canda el participaron no acto, que acolleu a Biblioteca Provincial de Lugo, Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria e coordinador da obra; María Teresa Pérez, viúva do homenaxeado, e tres dos colabores do volume: os escritores Paco Martín e Miguel Ángel Martínez Quintanar e o exdelegado provincial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Jaime Santoalla.

O colectivo Egeria, co apoio da Xunta de Galicia, presentou tamén por primeira vez en Lugo a páxina web www.manoloregueiro.gal, en homenaxe ao profesor Manuel Regueiro Tenreiro, falecido a mediados do ano 2019.

O portal recolle un total de 79 intervencións sobre o profesor Regueiro Tenreiro, que constitúen unha visión conxunta da traxectoria vital e da obra deste filósofo que naceu en Perbes-Miño (A Coruña) en 1943, estudou en Compostela e Salamanca, foi profesor de Filosofía en Salamanca, Vilalba e mais Lugo e desempeñou, durante 11 anos, o posto de director xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
 

Data de actualización: 15/11/2021