O titular do Goberno galego participou hoxe no VII Encontro para Directivos Líderes 100 Consejos Santander 2021

Feijóo sinala a colaboración público-privada como unha ferramenta básica para encarar con solvencia un escenario económico repleto de cambios

Afirma que a Administración autonómica galega seguirá apostando polo rigor na xestión, pola estabilidade institucional, pola concorrencia competitiva e polos incentivos á recuperación

Cualifica de erro a dirección da política fiscal, tributaria, laboral e de gasto público na que está España: “Deberíamos aproveitar os fondos europeos de forma eficiente e non para seguir incrementando a débeda estatal”, di

O vicepresidente primeiro da Xunta destaca o turismo como un dos motores da recuperación económica de Galicia, aproveitando a celebración do Xacobeo 21-22

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a colaboración público-privada como unha ferramenta básica para encarar con solvencia un escenario económico repleto de cambios.

Durante a súa participación no VII Encontro para Directivos Líderes 100 Consejos Santander 2021, Feijóo referiuse deste xeito ao polo para a transformación de Galicia, un conxunto de oito proxectos incluídos na candidatura galega aos fondos europeos Next Generation, que poñen de manifesto a aposta da Comunidade pola transformación no eido da automoción, da cadea forestal, da economía circular, da medicina personalizada, da industria agroalimentaria, do naval ou da aeronáutica, “coa que queremos relanzar a industria galega”, aseverou.

Neste presente desafiante, o titular do Executivo galego recordou tamén que a Xunta está a tomar decisións orientadas a incentivar a recuperación, entre as que destacan a aprobación duns orzamentos que contan, por exemplo, co maior esforzo de investimento e co menor gasto en xuros de débeda da serie histórica. Ademais de baixar de novo os impostos: cunha rebaixa no tramo autonómico do IRPF; cunha rebaixa do 10% no tipo xeral do Imposto de Transmisións Patrimoniais; cunha bonificación do 25% na cota do Imposto de Patrimonio; e co mantemento do programa impostos 0 no rural, así como que o 99% dos galegos non teñan que pagar o imposto de sucesións cando herdan.

Así mesmo, referiuse á Lei de Simplificación Administrativa, para lograr a máxima axilización burocrática sen renunciar á seguridade xurídica; á Lei de Áreas Empresariais que será aprobada antes de xuño; e á Axenda de emprego de Galicia que se presentará en xuño de 2022 co obxectivo de sincronizar os perfís entre a oferta e a demanda de postos de traballo.

Nesta liña, o presidente da Xunta cualificou de erro a dirección da política fiscal, tributaria, laboral e de gasto público na que está España. “Deberíamos aproveitar os fondos europeos de forma eficiente e non para seguir incrementado a débeda estatal”, abundou.

Feijóo concluíu afirmando que a Administración autonómica galega seguirá apostando polo rigor na xestión, pola estabilidade institucional, pola concorrencia competitiva e polos incentivos á recuperación.

Aposta polo turismo como un dos motores da recuperación

Pola súa banda, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, que participou esta mañá na presentación do encontro, destacou que o turismo está chamado a ser un dos motores da recuperación económica de Galicia, aproveitando a celebración do Xacobeo 21-22.

Así, resaltou que a reactivación do turismo nos últimos meses avala o traballo levado a cabo durante a pandemia para apoiar ao sector con máis de 120 millóns neste ano e con medidas encamiñadas a reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro, de calidade e sostible.

Nesta liña, lembrou que neste verán a comunidade liderou a recuperación turística, con 25 puntos por riba da media respecto ás cifras prepandemia de 2019, sendo a segunda autonomía con maior recuperación da demanda de noites e a terceira en número de viaxeiros respecto a 2019.

Ademais, o vicepresidente primeiro da Xunta avanzou que co obxectivo de continuar a atraer en 2022 a turistas e peregrinos que buscan un turismo seguro e tranquilo en contacto coa natureza, o Goberno galego porá en marcha o próximo ano o Plan Camiña para seguir apoiando ao tecido turístico galego e investirá 85,5 millóns na celebración deste Ano Santo dobre.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/11/2021