A conselleira do Mar visitou hoxe en Lisboa o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera

Galicia e Portugal estreitan lazos e intercambian experiencias para reforzar o control de moluscos bivalvos

Rosa Quintana destacou o sistema galego de control de moluscos bivalvos desenvolvido polo Intecmar, que é o laboratorio nacional de referencia no control de biotoxinas mariñas no marco dun convenio de colaboración coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición e un referente internacional na materia

O IPMA encárgase do control das zonas de produción de moluscos bivalvos en Portugal, unha función que, como a do Intecmar, é clave para garantir a trazabilidade e a calidade dos recursos e a súa chegada ao mercado con todas as garantías hixiénico-sanitarias

Oeira (Portugal), 19 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, visitou hoxe o centro que o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera (IPMA) ten en Algés, no distrito de Lisboa, onde mantiveron unha xuntanza cos seus representantes. Alí ambas partes puxeron de manifesto a importancia de intensificar e reforzar a colaboración entre Galicia e Portugal en materia de control de moluscos bivalvos co obxectivo de garantir as condicións hixiénico-sanitarias destes recursos e salvagardar a saúde pública.
Dentro deste labor, destacou a conselleira do Mar, Galicia, grazas ao Intecmar, é un referente internacional e conta con máis de 25 anos de experiencia na materia e con instalacións, equipamentos e persoal cualificados para a realización de análises en moluscos bivalvos. De feito, engadiu, o Intecmar asumiu o papel de laboratorio nacional de referencia no control de biotoxinas mariñas no marco dun convenio coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan) para colaborar nesta materia.
Esta función do centro dependente da Consellería do Mar, subliñou Rosa Quintana, inclúe o intercambio de experiencias e o asesoramento con outros centros como o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera, que depende do Estado luso e que se dedica á investigación relacionada co eido mariño, a climatoloxía e a agricultura, entre outros aspectos. Este centro portugués conta cun sistema de monitorización de moluscos bivalvos que lle permite establecer o estado das zonas de produción marisqueira. Unha rede de control coa que tamén conta Galicia grazas ao labor do Intecmar que iniciou a súa actividade en 1992 como Centro de Control do Medio Mariño de Galicia.
As funcións que desempeñan ambos centros, sinalou a conselleira do Mar, son fundamentais para garantir a trazabilidade e a calidade dos moluscos e a súa chegada ao mercado con todas as garantías hixiénico-sanitarias. De aí, salientou Rosa Quintana, a importancia de sumar esforzos neste ámbito tendo en conta ademais que tanto Galicia como Portugal exportan estes recursos.
Neste sentido, a titular de Mar puxo en valor a cadea de seguimento dos produtos do mar de Galicia e os rigorosos e exhaustivos controis que desenvolve o Intecmar para garantir o cumprimento das normas relativas á produción de moluscos. Este traballo de control das zonas de produción mediante o que se establece o seu peche ou apertura en función da súa situación, engadiu, permite garantir que o produto é apto para o consumo.
Dentro deste cometido de prevención e de defensa da seguridade alimentaria tamén é clave a concienciación da sociedade, salientou Rosa Quintana. Por iso desde a Xunta sempre se pide á cidadanía que non merque produto fóra das canles legais de comercialización pois o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale.
Nesta liña, a visita ao centro que o IPMA ten en Algés serviu tamén para analizar a necesidade de reforzar a colaboración entre España e Portugal co obxectivo de frear a entrada no mercado español de moluscos bivalvos procedentes da costa lusa obtidos de forma irregular e que carecen das garantías hixiénico-sanitarias exixidas.
A titular de Mar lembrou que o Servizo de Gardacostas de Galicia e o resto de forzas e corpos de seguridade do estado realizan un importante esforzo para impedir a entrada deste tipo de produtos na comunidade -o que permitiu comisar importantes cantidades de produto ilegal no último ano- e reafirmou o compromiso de colaboración da comunidade coas autoridades lusas para avanzar neste eido.

O Intecmar

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño realiza labores de control sobre as condicións oceanográficas, o fitoplancto, as biotoxinas mariñas, a contaminación química e os relacionados co eido microbiolóxico. Tamén traballa no seguimento e control das patoloxías en moluscos bivalvos ao tempo que desempeña funcións relacionadas coa observación do océano e a loita contra a contaminación mariña accidental así como labores de apoio científico e técnico nas emerxencias marítimas.
O seu principal cometido é dar cumprimento á lexislación vixente en materia de calidade da produción de moluscos e outros organismos mariños e contribuír a protexer e mellorar a calidade do medio mariño. Para iso realiza análises anuais e controis diarios sobre os moluscos bivalvos do litoral de Galicia co obxectivo de garantir a seguridade alimentaria.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 19/11/2021