Ademais, case a metade dos contribuíntes galegos deixarán de pagar un de cada cinco euros por este imposto

As rendas máis baixas pagarán no 2022 un 22,6% menos de IRPF que no 2009

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos interveu no Debate de Totalidade do Proxecto de Lei de Orzamentos de Galicia para 2022

Subliñou que a Xunta leva aprobadas tres rebaixas na tarifa autonómica do IRPF en oito anos e que de media cada contribuínte galego paga hoxe 403 euros menos por este imposto que no 2009

Miguel Corgos explicou que a Xunta leva anos demostrando que se pode baixar impostos, mellorar os servizos públicos e cadrar as contas ao mesmo tempo

Galicia terá no 2022 o orzamento máis alto da súa historia que ascende a 11.627 millóns para pasar da reactivación á recuperación

Estas contas reforzan un ano máis o gasto social tradicional e o emprego con 8.660 millóns de euros, e tamén o investimento produtivo con máis de 2.500
 

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

As rendas máis baixas pagarán no ano 2022 un 22,6% menos de IRPF que no 2009, e ademais case a metade dos contribuíntes galegos deixarán de pagar un de cada cinco euros por este imposto respecto do que aboaban no ano 2009.

Na súa intervención no Debate de Totalidade do Proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2022, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos explicou que a Xunta leva aprobadas tres rebaixas na tarifa autonómica do IRPF en oito anos -2014, 2016 e 2022- e que o seu impacto foi o triplo para as rendas máis baixas que para as medias e altas.

Neste sentido sinalou que o modelo galego de rebaixas do IRPF permite que as galegas e os galegos estean entre os que pagan menos de toda España e que “de media cada contribuínte galego pague hoxe 403 euros menos por IRPF que no 2009”.

Miguel Corgos subliñou que Galicia ten un modelo fiscal que beneficia ás rendas medias e baixas e que non está limitado a un ano, ”levamos baixando impostos máis dunha década coa intensidade que nos permite a conxuntura económica en cada momento”, apuntou.

Ademais do IRPF, o conselleiro explicou que a política de rebaixa de impostos se estende a todos sobre os que a Xunta ten competencia na comunidade autónoma. Así, no Imposto de Transmisións Patrimoniais rebáixase un 10% co que o tipo xeral pasa do 10 ao 9% para reducir a tributación ás familias que adquiren unha vivenda usada, favorecendo a dinamización do mercado inmobiliario e reactivando a rehabilitación. Polo que respecta ao imposto de Patrimonio mantense o mínimo exento e bonifícase un 25% a cota.

Ademais mantéñense todas as rebaixas xa aprobadas no Imposto de Sucesións que sitúan a Galicia entre as comunidades autónomas con mellor tratamento fiscal para as herdanzas entre familiares directos e para os irmáns. Neste momento xa están exentas de tributación o 99,9% das herdanzas por vías directa. Tamén se mantén o Programa de ‘Impostos cero no rural’ coa eliminación deste tributo para todas as compravendas de solo rústico, as transmisións totais ou parciais de explotacións agrarias e as agrupacións de fincas rústicas.

Trátase dun modelo de baixada de impostos centrado nas rendas medias e baixas, que é continuo, complementario e que ten aceptación social. Neste sentido, Miguel Corgos afirmou que “Galicia leva anos demostrando que é posible baixar impostos, mellorar os servizos públicos e cadrar as contas ao mesmo tempo, pagando máis rápido que ninguén aos nosos provedores”.

O Orzamento máis alto da historia

Durante a súa intervención, o conselleiro de Facenda e Administración Pública explicou que o vindeiro ano Galicia contará co orzamento máis alto da súa historia, que ascende a 11.627 millóns de euros para pasar da reactivación á recuperación económica e reforzar o crecemento san.

As contas de 2022 reforzan un ano máis o gasto social tradicional (sanidade, educación e políticas sociais) e o emprego. Así, estes presupostos inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 8.660 millóns de euros para a sanidade, o ensino, as políticas sociais e o emprego, cun aumento de 610 millóns con respecto a este exercicio. “Só o gasto social máis o emprego supera todo o orzamento de Galicia dos anos 2013, 2014 e 2015”, subliñou o conselleiro.

As tres consellerías que acaparan o gasto en servizos públicos esenciais concentran o 75% do incremento do orzamento, é dicir, tres de cada catro euros de aumento presupostario van destinados a sanidade, educación e políticas sociais.

Ademais, no vindeiro exercicio refórzanse os recursos para o investimento produtivo que tamén contribúe ao fortalecemento dos servizos públicos. Estes presupostos inclúen máis de 2.500 millóns de euros para investimentos e máis de 5.000 millóns en dous anos.

Prioridades dos orzamentos 2022

Na súa exposición, o conselleiro explicou que os orzamentos do ano 2022 contan cos recursos necesarios para, entre outras prioridades, blindar as infraestruturas sanitarias da lexislatura; consolidar un sistema educativo cos mellores resultados no Informe PISA e impulsar o sistema universitario cara á excelencia; implantar un novo modelo de Residencias da Terceira Idade ou mellorar os servizos sociais a familias e infancia facilitando a conciliación e a promoción da igualdade.

Tamén servirán para reforzar un ano máis os investimentos en I+D+i; promover un modelo enerxético sostible; priorizar a formación e empregabilidade das mulleres e a formación das persoas mozas; favorecer a mobilidade sostible; dar un novo pulo ás políticas de rehabilitación e conservación da vivenda; reforzar a recuperación do turismo; ou fomentar o sector primario cun modelo baseado na innovación e a calidade dos produtos, entre outras.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos tamén anunciou que Galicia terá no 2022 un novo Plan Estratéxico 2021-2030 que marcará a folla de ruta para esta década, que parte da avaliación do impacto da pandemia na sociedade e na economía galegas, e que será unha ferramenta clave que contará coa participación da sociedade civil.

En definitiva, estes son os orzamentos con máis recursos da historia, cun reforzo moi importante das partidas vinculadas aos servizos públicos esenciais e á dinamización da economía co obxectivo de trasladar unha política útil aos cidadáns que permita ser áxiles cos mecanismos de apoio ás familias, pemes e empresas; pasar da reactivación á recuperación; e traballar de maneira paralela nas necesidades do ano 2022 xunto coa planificación da vindeira década para afrontar os retos aos que se enfronta Galicia.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/11/2021