O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias presentou esta aplicación informática aos socios da cooperativa CLUN na súa sede de Ames

A Xunta difunde Conta Láctea como unha ferramenta útil para mellorar a posición negociadora dos gandeiros sobre os prezos do leite

Conta Láctea, creada pola Administración galega xunto coa Fundación Juana de Vega ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo, está concibida para facilitar a xestión empresarial das explotacións leiteiras

José Balseiros insistiu en trasladar a preocupación da Xunta pola falla de compromiso do Goberno Central co sector primario en xeral e cos gandeiros en particular, algo que se pon de manifesto coa súa escasa contundencia para frear a venda a perdas

O director xeral apuntou ademais que a Consellería do Medio Rural si está a facer os seus deberes a prol deste eido produtivo, coa implantación das medidas contidas na devandita Estratexia do sector lácteo

Ames (A Coruña), 22 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado do director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, explicou hoxe aos socios da cooperativa CLUN o funcionamento de Conta Láctea, a nova aplicación informática para o cálculo de custos de produción nas granxas de vacún de leite.

No encontro, o director xeral trasladou as utilidades desta ferramenta, creada pola Xunta en colaboración con esta fundación, para calcular os investimentos e os custos de produción das explotacións leiteiras. Neste sentido, José Balseiros destacou que a principal finalidade da aplicación é mellorar a xestión económica das explotacións e tamén a capacidade negociadora dos gandeiros diante dos primeiros compradores de leite.
Co fin de acadar este obxectivo, a ferramenta -creada ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo- permite, entre outras cousas, controlar os investimentos e os custos de produción e concretar canto custa producir un litro de leite e a que prezo se pode vender.
Ademais, Conta Láctea ofrece outras vantaxes, como son por exemplo o feito de ser de balde, ter un acceso sinxelo vía web, un manexo moi intuitivo e a posibilidade que aporta de emitir unha conta de resultados completa e un informe cos resultados obtidos. Este informe está pensado, precisamente, para empregarse por parte dos gandeiros como elemento de negociación do seu contrato coa industria, de tal xeito que o prezo percibido polo leite, de acordo coa lexislación, non poida ser inferior ao seu custo de produción.

Falla de compromiso do Goberno Central

Nesta liña, o director xeral insistiu en trasladar a preocupación da Xunta pola falla de compromiso do Goberno Central co sector primario en xeral e cos gandeiros en particular, unha actitude que se pon de manifesto coa súa escasa contundencia para frear a venda a perdas neste ámbito produtivo. Así, Balseiros lamentou a aprobación -o pasado mércores no Senado- do proxecto de lei da cadea alimentaria cos votos a favor do grupo maioritario no Goberno, tras rexeitar, entre outras, a emenda presentada para incorporar nesta norma a aplicación Conta Láctea como forma de acreditación do custo efectivo de produción.
Ademais, e co fin de garantir o cumprimento da prohibición da venda a perdas nas relacións nas que interveñan os operadores primarios, José Balseiros insistiu na necesidade de activar controis específicos por parte da Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA).
No que lle compete á Xunta, o director xeral apuntou que a Consellería do Medio Rural si está a facer os seus deberes a prol do sector lácteo, coa implantación das medidas contidas na Estratexia do sector lácteo. Así, a través dela, iniciou a tramitación do Observatorio lácteo -co fin de acadar unha mellor estrutura sectorial- e da marca Leite de pastoreo de Galicia, un selo que se suma ao de Galega 100%, da que se está a facer unha promoción inxente.
José Balseiros destacou tamén a propia profesionalización do sector, materializada na celebración de ata cinco edicións dos cursos de Gandeiros 20-30, e a posta en marcha do Plan de pastos e da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que permitirán dotar de base territorial ás explotacións galegas coa implantación de polígonos agrarios, no caso do lácteo para a produción de forraxes.
A presentación desta mañá na sede de CLUN en Ames forma parte do calendario establecido pola Consellería do Medio Rural para explicar o contido e alcance de Conta Láctea aos gandeiros galegos. Así, en vindeiras datas está previsto continuar esta rolda de contactos noutros puntos de Galicia, especialmente naquelas comarcas de maior vocación leiteira.
O acceso a Conta Láctea pódese facer a través da páxina web de Medio Rural, no seguinte enlace: https://www.contalactea.gal/pladel/.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/11/2021