A Xunta destaca o papel das comunidades enerxéticas locais na aposta polo autoconsumo e a redución da factura enerxética

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, interveu, esta mañá, nun webinario informativo sobre as axudas en materia de autoconsumo e almacenamento enerxético, financiadas con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, ás que a Xunta reserva 31,3M€

Prevese unha mobilización de 88M€ e unha redución da factura enerxética anual de 9,6M€

Asegura que estes apoios serán claves para reducir o impacto dos prezos enerxéticos na competitividade empresarial e na economía familiar, así como para promover a sustentabilidade

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, interveu, esta mañá, nun webinario organizado polo Inega centrado nas comunidades enerxéticas locais para informar das novas axudas ao autoconsumo e ao almacenamento enerxético. Na xornada participaron ao redor dun centenar de representantes de empresas, asociacións de veciños e administracións locais que puideron coñecer de primeira man os detalles sobre os posibles modelos deste tipo de comunidades, así como o seu marco normativo e desenvolvemento, o papel das administracións locais neste novo modelo e as liñas de axudas ás que se poden acoller.

Paula Uría destacou o papel das comunidades enerxéticas locais na aposta e impulso do autoconsumo para a redución da factura enerxética e tamén para contribuír á descarbonización da economía. Así, caracterízanse polo desenvolvemento de proxectos colectivos de cooperación para consumir e xestionar a súa propia enerxía de orixe renovable.

Neste sentido, a directora xeral subliñou a importancia das axudas impulsadas desde a Xunta no escenario enerxético actual, no que os elevados prezos están tensando a competitividade empresarial e impactando na economía familiar. Por iso, asegurou que estas convocatorias van ser clave para conter a volatilidade dos prezos enerxéticos e mellorar a sustentabilidade do contorno.

Estas liñas de apoio permitirán impulsar instalacións para autoconsumo, así como o almacenamento cun investimento de 31,3M€. Con estas axudas, de concorrencia non competitiva e financiadas a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, prevese mobilizar 88M€ e favorecer aforros nas facturas anuais de 9,6M€.


A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación dá continuidade ás actuacións que leva anos desenvolvendo tanto para impulsar o uso das enerxías renovables como para fomentar o autoconsumo. Uría lembrou que o Inega leva concedido nos últimos dous anos 47,5M€ en máis de 36.500 axudas co obxectivo de seguir facilitando unha transición enerxética xusta para todos os sectores económicos e a cidadanía.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/11/2021