O DOG publica a aprobación da declaración de impacto ambiental da Variante de Ribeira, que suporá un investimento de máis de 9 millóns de euros

A Xunta prevé licitar en 2022 as obras correspondentes á 1ª fase, entre a glorieta do final da autovía do Barbanza e a avenida da Constitución

Neste momento están a analizarse todas as achegas recibidas durante o proceso de información pública, co obxectivo de darlles resposta a finais de ano e incorporar ao proxecto as que sexan tecnicamente viables

A Variante de Ribeira é unha vía de novo trazado de 3,1 quilómetros de lonxitude que mellorará as comunicacións de todo o concello e reducirá nun 50% o tempo de percorrido, ao circunvalar o núcleo de Santa Uxía

A primeira fase discorre bordeando o núcleo urbano e concentra a maior parte do investimento, arredor de 6 M€, centrándose a segunda fase no treito máis urbano cara a praia de Touro

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a aprobación da declaración de impacto ambiental da Variante de Ribeira, cuxa execución suporá un investimento autonómico superior aos 9 millóns de euros. No seguinte anuncio publicado hoxe no DOG pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, pode consultarse a información: https://bit.ly/3DLWYHt

O pasado ano a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade someteu a información pública, tamén a efectos expropiatorios, o proxecto de trazado, coa previsión de executar a Variante de Ribeira en dúas fases: unha primeira, que conectará a glorieta do final da autovía do Barbanza coa avenida da Constitución; e unha segunda, que irá desde esta avenida ata a estrada da costa (DP-7307), facilitando así, tamén, un novo acceso ao porto de Ribeira.

A previsión do departamento de Infraestruturas é licitar en 2022 as obras da primeira fase da Variante de Ribeira, para a que se reserva unha partida de 1 millón de euros nos Orzamentos da Xunta de 2022.

Neste momento, o departamento que dirixe Ethel Vázquez está a analizar as achegas recibidas ao proxecto, tras cumprise o proceso de información pública, co obxectivo de que a finais de ano se lles poida dar resposta, incorporando ao proxecto aquelas que sexan tecnicamente viables.

Entre elas, teranse en conta as propostas realizadas polo Concello de Ribeira, para a execución dun viaduto, en lugar de muros, no núcleo de Cruxeiras entre os puntos quilométricos 0+580 e 0+660, ademais da proposta de iluminar as glorietas previstas.

A Variante de Ribeira é unha vía de novo trazado de 3,1 quilómetros de lonxitude que mellorará as comunicacións de todo o concello e reducirá nun 50% o tempo de percorrido, ao circunvalar o núcleo de Santa Uxía, liberando de tráficos o centro e facilitando o acceso á zona sur.

Suporá unha nova entrada por estrada ao núcleo de Ribeira, alternativa á actual, que desde o norte parte desde a rotonda da autovía, continuando ata a avenida da Constitución e finalizando na praia de Touro.

A primeira fase, que discorre bordeando o núcleo urbano, desde o final da autovía ata a avenida da Constitución, concentra a maior parte do investimento, arredor de 6 M€. A segunda fase correspóndese co treito máis urbano e discorrerá ata a praia de Touro.

Data de actualización: 23/11/2021