A Xunta inviste preto de 341.000 euros en actuacións de mellora do CEIP Ben Cho Sey de Pereiro de Aguiar

O delegado territorial supervisou as obras de instalación das ventás do edificio orixinal (Fachada noroeste)e as obras de cubrición da pista polideportiva, nas que a Consellería de Educación, Cultura e Universidade inviste 340.616 euros

Gabriel Alén tamén subliñou que os novos orzamentos contemplan grandes actuacións educativas como a rehabilitación Integral do CPI Padrenda-Crespos en Padrenda (591.473,97€)e a rehabilitación Integral do CEIP Manuel Respino da Rúa (534.357,73€)
 

Ourense, 23 de novembro de 2021.
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, achegouse esta mañá ata o CEIP Ben Cho Sey de Pereiro de Aguiar para supervisar xunto ao alcalde, Luís Menor, as obras de instalación das ventás do edificio orixinal (Fachada noroeste)e as obras de cubrición da pista polideportiva nas que a Consellería de Educación, Cultura e Universidade inviste 48.292,55 euros, e 292.323,69 euros respectivamente.
Así mesmo o delegado territorial anunciou o compromiso da Xunta dunha partida posterior para completar a substitución das ventás do edificio orixinal (Fachada sudeste).
Gabriel Alén salientou que o Goberno galego inviste en 2021 máis de 389.000 euros neste centro; intervencións, que segundo o delegado territorial, “trátanse de actuacións que promove a Xunta en infraestruturas escolares que apostan por un modelo de centros ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia”.
No resto da provincia, Gabriel Alén tamén subliñou que os novos orzamentos contemplan grandes actuacións educativas como a rehabilitación Integral do CPI Padrenda-Crespos en Padrenda (591.473,97€)e a rehabilitación Integral do CEIP Manuel Respino da Rúa (534.357,73€).


Arquitectura ao servizo dos proxectos educativos

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia pivota nunha parte académica (con espazos ao servizo dos proxectos educativos, sobre todo vinculados á transformación dixital e xeradores de inclusión), nunha parte infraestrutural (con espazos máis amplos, saudables e unha maior integración coa contorna) e nunha parte de sustentabilidade acorde coas novas esixencias de eficiencia enerxética e respecto medioambiental.
No que atinxe ás infraestruturas propiamente ditas, as novas reformas, acondicionamentos e construcións seguirán unhas pautas construtivas homoxéneas, cunha identidade corporativa específica, aínda que axustada ás contornas nas que se inxiren, sexan do ámbito rural ou urbano.
A rede de centros de ensino públicos en Galicia está formada por máis de 1.000 colexios e institutos repartidos desde os concellos máis pequenos do rural (con menos de 2.000 habitantes) ata as grandes cidades. De feito, nove de cada dez concellos contan cunha infraestrutura educativa para servizo dos seus cidadáns.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/11/2021