Esta actividade forma parte do programa Xuventude Mentoring, que ten por obxecto mellorar as oportunidades de emprego da xente nova

Política Social participa nunha visita formativa de mozos e mozas á sede da empresa Congalsa

A directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, sinalou que con esta proposta preténdese “amosar ás empresas todas as capacidades e o talento que posúen as mozas e mozos galegos”

Ofrécese aos participantes o apoio directo de expertos, empresarios e profesionais con experiencia que actúan como mentores

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 23 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañou hoxe a unha vintena de mozas e mozos nunha visita á sede de Congalsa, situada no polígono industrial A Tomada. Esta visita é unha das actividades do programa Xuventude Mentoring, programa pioneiro de formación e mentorización desde o ámbito da educación non formal para favorecer a empregabilidade da xente nova.

Cristina Pichel explicou que con esta iniciativa búscase “axudar á mocidade na transición da vida académica ao mercado laboral”, así como “amosar ás empresas todas as capacidades e o talento que posúen as mozas e mozos galegos”. Para conseguilo ofrécese aos participantes o apoio directo de expertos, empresarios e profesionais con experiencia que actúan como mentores.

Congalsa é unha das entidades sociais, empresas, asociacións empresariais e clústeres que participa nesta iniciativa que a Xunta desenvolve en colaboración co Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria (Cixug) e as tres universidades galegas. De feito, na visita de hoxe participaron directivos da compañía pobrense, que explicaron aos mozos o funcionamento da factoría.

Máis oportunidades laborais

Nesta primeira edición de Xuventude Mentoring preto de 200 rapaces recibirán, durante tres meses, titorización, formación e mentorías. Tamén desenvolverán distintas actividades, como visitas a empresas ou sesións de networking, para axudarlles a impulsar a súa rede de contactos e achegarlles máis oportunidades laborais.

A Administración autonómica inviste 450.000 euros nesta proposta formativa, cofinanciada pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e polo Fondo Social Europeo, e destinada a persoas mozas tituladas que acaban de rematar os seus estudos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/11/2021