Borgwarner e CTAG mobilizan preto de 10M€ co apoio da Xunta para avanzar na mobilidade sostible

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou na presentación da nova Unidade Mixta de Investigación (UMI) na que colaboran a empresa e o centro tecnolóxico, centrada na xestión térmica dos vehículos eléctricos

Sinala a aposta pola colaboración público-privada e subliña que as UMIs son un instrumento clave para que o tecido empresarial e os centros de investigación poidan desenvolver de forma coordinada actividades de I+D+i

Nigrán (Pontevedra), 23 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe en Porto do Molle (Nigrán) a nova Unidade Mixta de Investigación (UMI) na que colaboran Borgwarner e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), unha alianza que, desde a posta en marcha en 2014 da primeira UMI conxunta, permitirá mobilizar co apoio da Xunta preto de 10 millóns de euros en I+D+i no eido da mobilidade sostible.

Segundo Conde, esta iniciativa é un exemplo de como o programa de Unidades Mixtas de Investigación se converteu nun instrumento clave para que o tecido empresarial e centros de investigación en Galicia poidan desenvolver de forma conxunta coordinada actividades de I+D+i.

O novo proxecto presentado hoxe, cun investimento de 3,6 millóns, dos cales 1,1 millóns son achegados pola Administración autonómica, promove o desenvolvemento de novos produtos electrónicos vinculados á xestión térmica dos vehículos eléctricos para optimizar a xestión de enerxía. Así, tal e como apuntou Conde, esta unidade mixta está aliñada cos retos da mobilidade do futuro, e vai permitir ao sector galego da automoción seguir dando pasos no ámbito do vehículo eléctrico, e polo tanto, na transformación dixital e ecolóxica da industria.

Para iso, contempla dúas liñas de investigación. Por un lado, apoiarase nos resultados do traballo que Borgwarner e CTAG veñen facendo conxuntamente desde hai sete anos, cando se aliaron por primeira vez como Unidade Mixta, e por outro lado, trátase de desenvolver e validar novos dispositivos electrónicos que complementen e reforcen os estándares do sector.

Desde 2016 Borgwarner ten en Galicia o seu centro de referencia de I+D+i, onde centraliza os seus traballos de innovación para todo o grupo. Entre os obxectivos da UMI está, ademais de fortalecer a posición deste centro técnico, reforzar a alianza co CTAG e seguir atraendo a Galicia liñas de I+D para consolidar a súa posición á vangarda da automoción.

Ata agora, o traballo desenvolto na Unidade Mixta que precede a esta, cun investimento total de 6,1 millóns de euros, estivo enfocado, fundamentalmente, no desenvolvemento de novos produtos e tecnoloxías para a diminución de emisións, permitindo a construción de 16 novos bancos de validación e a presentación de 22 patentes.

Programa de Unidades Mixtas

O programa de Unidades Mixtas de Investigación da Xunta, do que ata agora se publicaron xa oito convocatorias, ten permitido impulsar 48 proxectos entre empresas e organismos de investigación que mobilizaron 134,4 millóns de euros, dos que 40,2 son de investimento público.

A automoción xoga un programa destacado dentro desta iniciativa, e así, centra 16 proxectos que mobilizan preto de 44 millóns de euros, dos cales 13,4 millóns de euros se corresponden con axudas públicas. Neste eido, o vicepresidente económico destacou o traballo do CTAG, que participa en 32 proxectos candidatos aos fondos europeos, tanto a nivel nacional como de Galicia, onde destaca o AutoÁncora. Neste sentido, a Xunta espera que o Goberno cumpra a súa palabra e inclúa este proxecto no Perte da automoción, como un merecido recoñecemento á excelencia investigadora do sector galego da automoción.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/11/2021