A Xunta destaca en Barbadás o labor da Rede de Centros de Información á Muller para previr e sensibilizar contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na localidade ourensá na mesa redonda Procesos de atención ás vítimas de violencia de xénero, organizada con motivo do 25-N

Galicia conta con 84 centros de información á muller con representación nas catro provincias galegas

López Abella sinalou que a Xunta dispón de recursos de acollemento, axudas económicas e programas de incentivos á contratación para apoiar ás mulleres vítimas da violencia machista

Barbadás (Ourense), 23 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Barbadás na mesa redonda Procesos de atención ás vítimas de violencia de xénero que se organizou no Centro de Información á Muller (CIM) con motivo do 25-N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. López Abella destacou todos os recursos e axudas dos que dispón a Administración autonómica para loitar contra a violencia de xénero e puxo en valor o traballo diario da Rede de Centros de Información á Muller (CIM) para previr e sensibilizar contra esta lacra social, dous eixos nos que xira a política da Xunta para combater a violencia machista.
“Todos estes centros suman esforzos e proporcionan unha atención específica e especializada ás mulleres de Barbadás e da provincia de Ourense”, apuntou a secretaria xeral, ao tempo que explicou que se trata dun recurso de titularidade municipal, que a Xunta apoiou este ano con cinco millóns de euros, elevando o orzamento destinado en 2020 nun 2,5%.
Galicia conta na actualidade con 84 centros de información á muller con representación nas catro provincias galegas tras a apertura en 2020 do CIM do Pereiro de Aguiar e en 2021 do emprazado en Carballeda de Avia, ambos os dous na provincia de Ourense. A creación dos CIM depende dos concellos galegos, sendo a competencia da Xunta a de verificar os requisitos para o seu recoñecemento e acreditación. Os 84 CIM dan servizo a 191 concellos galegos, o que representa o 81% da poboación total.
Con respecto aos recursos de acollemento, López Abella explicou que a Administración galega ten articulada unha rede de casas de acollida que están interconectadas entre si e que prestan servizo en distintas localidades das catro provincias galegas en colaboración con outras institucións. Así mesmo, apuntou que a Xunta mantén “unha estreita colaboración” con entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de dispositivos destinados á atención integral de mulleres vítimas de explotación sexual e trata. Tamén fixo referencia a outros recursos de acollemento para mulleres vítimas de violencia de xénero como son as axudas dirixidas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o financiamento de programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
Galicia, ademais, tal e como comentou a secretaria xeral da Igualdade, está adherida ao Protocolo nacional de derivación entre as comunidades autónomas para a coordinación das súas redes de centros de acollida para as mulleres vítimas da violencia de xénero e dos seus fillos e fillas. Como recurso complementario a este protocolo, a Secretaría Xeral da Igualdade, en colaboración coa Amtega, puxo en marcha o mapa de recursos en liña para loitar contra a violencia de xénero.


Axudas económicas

 

Así mesmo, lembrou que Galicia é a primeira comunidade autónoma en contar cunha axuda económica mensual para as vítimas que se mantén durante todo o ano, a prestación periódica e dispón, ademais, de apoios de pago único, incentivos á contratación e programas de inserción laboral dirixidos ás mulleres con especiais dificultades na procura dun emprego co reto de facilitar a súa recuperación integral e independencia económica.
Indicou, ademais, que a Xunta garante a percepción das indemnizacións económicas fixadas por sentenza xudicial ás mulleres vítimas de violencia de xénero, menores ou persoas dependentes delas e xestiona os apoios económicos aos fillos orfos, así como a vítimas de violencia vicaria. A Administración galega tamén ofrece programas como o bono de alugueiro social ou asistencia xurídica gratuíta a vítimas de violencia sexual.
Para rematar, sinalou a importancia da colaboración entre todas as institucións para seguir loitando contra a violencia de xénero e erradicar os comportamentos machistas na sociedade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/11/2021