A Xunta aborda cos sindicatos e as Anpas os problemas creados polo Goberno central cos cambios nas avaliacións do alumnado á metade de curso

O conselleiro Román Rodríguez mantivo hoxe tres xuntanzas coa comunidade escolar, onde avanzou a intención de blindar a calidade e a igualdade de oportunidades

Aposta por artellar un sistema que permita que os claustros poidan realizar en xuño as avaliacións con seguridade xurídica sen que o alumnado se vexa prexudicado

Lamenta a “improvisación” do Goberno central e a “confusión e desorganización” que xera ter que aplicar este medida co ano académico xa en marcha
 

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá coas organizacións sindicais e coas asociacións de nais e pais para abordar a problemática xerada polo Goberno central, que vén de cambiar á metade de curso os criterios de avaliación e promoción e elimina as probas de recuperación en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).

No transcurso da rolda de contactos, o conselleiro trasladou a necesidade de avanzar nunha “solución común para blindar os criterios de calidade que caracterizan ao ensino galego”. Así mesmo, lamentou a “improvisación” do Goberno central “a confusión e desorganización que xera ter que aplicala a estas alturas do ano académico, sen previsión algunha, o que está a xerar grandes dúbidas no profesorado e o alumnado”, o que está xerando “unha gran incerteza e caos na vida dos centros educativos”, dixo.

Neste sentido, a Xunta aposta por artellar un sistema que permita que os claustros poidan realizar en xuño as avaliacións con seguridade xurídica sen que o alumnado se vexa prexudicado pola perda de oportunidade que supoñen as probas de recuperación.

Román Rodríguez explicou que é necesario que no desenvolvemento deste real decreto “sexamos capaces de deseñar unha orde que posibilite ter criterios homoxéneos e estables para dar seguridade aos centros e profesores e que xeren igualdade para os alumnos”. “Na próxima Conferencia Sectorial –puntualizou– plantexaremos a postura de Galicia e, a partir de aí, deseñaremos e configuraremos a organización educativa de aquí a final de curso".

Unha década de mellora en Galicia

Román Rodríguez explicou que a prioridade da Xunta é que o ensino galego continúe a rexerse pola cultura de esforzo. “Na última década –dixo– acadamos o logro común de rebaixar á metade o abandono escolar e de situarnos á cabeza de informes como o PISA, incrementando o prestixio do noso ensino de forma moi significativa”. Pola contra –engadiu– “o Ministerio pretende reducir esixencias e oportunidades ao alumnado”.

O conselleiro reuniuse tamén esta mañá co Comité Educativo, onde analizou a evolución do curso escolar e o repunte de casos covid, unha evolución que vai de forma parella á que se está a producir no conxunto da sociedade. A este respecto, desde todas as partes transmitiuse unha mensaxe de tranquilidade, dado que os centros e a comunidade educativa están a cumprir os protocolos que, como o curso anterior, funcionan.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/11/2021