A Xunta sinala que o novo modelo de residencias debe recoller melloras arquitectónicas, tecnolóxicas e normativas

Destacou que os fondos europeos supoñen unha oportunidade histórica para mellorar o sistema de coidados

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Atención integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, sinalou durante a súa intervención no encontro dixital de La Voz de Galicia titulado ‘El nuevo modelo de atención a los mayores en Galicia’, que o novo modelo de residencias debe recoller melloras arquitectónicas, tecnolóxicas e normativas. O foro contou ademais coa participación do xerente do grupo Raiola, Marcos Núñez.
Acevedo deu a coñecer algún dos detalles nos que o Goberno galego está a traballar para conformar ese modelo de coidados do futuro. Neste sentido, apuntou que un dos piares fundamentais sobre o que se debe soster é a formación de espazos de convivencia máis pequenos nos que as persoas usuarias compartan servizos. Unha concepción que, destacou, permite que as persoas maiores se sintan nos seus fogares.
Paralelamente, o director xeral resaltou que para ofrecer un modelo novidoso e innovador é preciso facer uso das vantaxes da tecnoloxía. Por iso, sinalou que, ao igual que noutros ámbitos se foron mellorando a calidade dos servizos a través da tecnoloxía, o sistema de coidados debe incorporar os seus beneficios para ofrecer un maior benestar ás persoas maiores.
Así mesmo, subliñou que os fondos europeos brindan unha oportunidade histórica para poñer en práctica este novo modelo que reforce os servizos residenciais dun xeito transversal e que atenda ás necesidades evidenciadas tras a pandemia da covid-19.

Data de actualización: 23/11/2021