A Xunta adapta os medios de comprobación de valoracións de bens inmobles á recente normativa estatal

No caso dos bens inmobles o valor pasa a ser establecido con carácter xeral polo Ministerio de Hacienda a través da Dirección General del Catastro

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta vai adaptar os medios de comprobación de bens inmobles á Lei 11/2021, do 9 de xullo, de medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal aprobada recentemente polo Goberno central e que resulta de aplicación a todas as comunidades autónomas.

Ata o momento, a efectos de liquidación do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e do Imposto de Sucesións e Doazóns, a lexislación estatal viña esixindo que se tomase o ‘valor real’ do ben como base impoñible para aplicar o tributo correspondente. A Lei 11/2021 modificou a base impoñible deses impostos substituíndo o concepto de ‘valor real’ polo de ‘valor’, un concepto que agora se equipara ao valor de mercado.

Así, cando se trata de bens inmobles este valor pasa a ser establecido con carácter xeral polo Ministerio de Hacienda y Función Pública, a través do valor de referencia que fixa a Dirección General del Catastro; e só cando se trate dun inmoble ao que a Administración General del Estado aínda non lle teña asignado un valor de referencia acudirase ao valor de mercado, agás que o valor declarado polos interesados sexa maior.

O proxecto de orde que a Consellería de Facenda e Administración Pública acaba de someter a exposición pública concreta os medios de comprobación para fixar o valor de mercado que haberá que empregar en ausencia do valor de referencia fixado polo Catastro. Neste sentido, elimínase o sistema de coeficientes sobre valor catastral e o sistema de prezos medios de mercado e óptase polo sistema de ditame pericial -unha das fórmulas previstas pola normativa estatal- e fanse públicos os criterios de valoración.

O sistema de valores establecido pola Lei 11/2021 de medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal afectará aos devengos posteriores ao 1 de xaneiro de 2022. Ademais, os valores de referencia individualizados estarán dispoñibles na Sede electrónica do Catastro a partir desa data, unha vez tramitado o procedemento para a súa determinación, de acordo co previsto na disposición final terceira do texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario. Na devandita Sede, os titulares catastrais tamén poderán coñecer os elementos que se aplicaron na determinación individualizada do valor de referencia dos seus inmobles.

Data de actualización: 23/11/2021