A Xunta destaca o impulso da Fundación María José Jove ao Xacobeo 21-22 co proxecto ‘Corpos Presentes’

Anxo M. Lorenzo destaca o compromiso desta entidade con Galicia e a oportunidade que a mostra supuxo para que a cidadanía gozase da obra de artistas relevantes

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta tarde na presentación do documental e da publicación Corpos Presentes, que culminan o proxecto do mesmo nome que se iniciou o pasado mes de maio
en formato exposición e que reuniu en Santiago unha selección dalgunhas das obras máis importantes da Colección de Arte Fundación María José Jove con gallo do Ano Santo.

O representante da Xunta de Galicia quixo poñer en valor o impulso desta fundación ao Xacobeo 21-22 a través deste proxecto, “que vén reafirmar o compromiso desta entidade con Galicia en numerosos eidos”.

Así mesmo, destacou a oportunidade que supuxo a mostra Corpos Presentes para que a cidadanía puidese gozar na capital de Galicia de obras de artistas tan relevantes como Eduardo Chillida, Ángela de la Cruz, Anselm Kiefer, Georg Baselitz, Antony Gormley ou Louise Bourgeois, entre outros.

Na presentación, celebrada no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, participaron tamén a directora da Colección de Arte Fundación María José Jove e comisaria do proxecto, Susana González; a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, María do Mar Lorenzo, e o catedrático e director do departamento de Historia da Arte da USC, Juan Manuel Monterroso.

Convivencia

O documental Corpos Presentes é o resultado de varios días de convivencia con seis artistas nos seus estudos e contorna, nos seus diferentes países de residencia, co obxectivo de esbozar os camiños percorridos por cada un deles na súa traxectoria artística e vital.

A peza inclúe as que están consideradas as últimas declaracións do recentemente falecido Julião Sarmento, desde Estoril, así como a perspectiva de Esther Ferrer (París), Antony Gormley e Ángela de la Cruz (Londres), Luis Gordillo (Madrid) e Manuel Vilariño (Galicia). O documental contou co apoio da Xunta de Galicia, dentro do programa O teu Xacobeo.

Narrativa arredor do corpo

Pola súa banda, a publicación amosa unha selección de obras pertencentes á Colección de Arte Fundación María José Jove que desenvolven unha narrativa arredor do corpo, desde a transversalidade das súas interpretacións, nun marco cronolóxico que abrangue máis dun século.

Ademais de aos artistas participantes no documental, inclúe unha análise de obras de Mariano Fortuny, Eduardo Chillida, Salvador Dalí, Anselm Kiefer, Georg Baselitz, Louise Bourgeois, Tápies, Antonio Saura, Juan Muñoz, Helena Almeida, Elmgreen and Dragset, Jorge Barbi, Manuel Vilariño, June Crespo ou Antoni Tàpies.

Tanto na publicación como no documental convídase a facer unha analoxía entre o camiñar e o tránsito vital no proceso creativo, situando a traxectoria artística de cada un dos creadores como o seu particular camiño.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/11/2021