A Xunta ampliará de 1 a 3 anos o prazo para presentar o informe de avaliación dos edificios catalogados co fin de facilitar o trámite ás comunidades de veciños

O cambio no calendario para a implantación gradual desta medida responde ás dificultades detectadas debido ás restricións impostas pola covid para que as xuntas de propietarios poidan reunirse e ratificar o acordo para a elaboración deste informe

A partir de hoxe sométese a consulta pública previa unha modificación do decreto aprobado no mes de abril para regular o IAE e crear o seu correspondente rexistro

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia quere ampliar de 1 ata 3 anos o prazo inicialmente previsto para que os inmobles catalogados que teñan medio século de antigüidade ou máis poidan cumprir coa obriga de presentar o novo Informe de avaliación de edificios (IAE).

Para modificar a aplicación da medida, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) someterá a consulta pública previa, desde hoxe e durante un período de 15 días, a modificación do decreto polo que se regula o devandito informe, un trámite durante o que se recadarán as posibles achegas ou suxestións das persoas e entidades interesadas.

Cómpre lembrar que o IAE é un instrumento deseñado pola Xunta para acreditar o estado de conservación, a accesibilidade e a eficiencia enerxética dos inmobles residenciais, de carácter obrigatorio para todos aqueles edificios de tipoloxía de vivenda colectiva que teñan 50 anos ou máis, carezan de declaración firme de ruína e con independencia de que nos mesmos existan outros usos distintos ao residencial.

O decreto aprobado polo Consello da Xunta o pasado mes de abril —en virtude do cal tamén se crea o Rexistro galego de informes de avaliación dos edificios (Regiae), no que se deberán inscribir todos os IAE— establece que os concellos que así o consideren poderán fixar un calendario para a presentación gradual dos informes no caso daqueles inmobles que á súa entrada en vigor xa tiveran medio século de antigüidade ou máis.

En todo caso, tamén se indica que estes prazos non poderán superar o ano desde a entrada en vigor da normativa reguladora do IAE no caso de edificios catalogados, nin os tres anos para o resto de edificios con máis de medio século.

Sen embargo, nos últimos meses téñense detectado certas dificultades para conseguir os acordos das comunidades de propietarios necesarios para proceder á elaboración e posterior presentación do devandito informe.

Esta circunstancia, derivada das limitacións establecidas para a celebración de xuntas veciñais a raíz da covid, está a afectar á posibilidade de cumprir co prazo límite dun ano inicialmente establecido pola Xunta no caso dos edificios catalogados.

Por iso e en resposta á demanda trasladada por algúns concellos e colectivos ao IGVS, a modificación que se tramita agora pretende favorecer e garantir a presentación do IAE en tempo e forma por parte das comunidades de veciños de edificios catalogados, concedéndolles ata tres anos para cumprir con esta obriga, é dicir, igual que ao resto.

Vixencia e excepcións do IAE

O Informe de avaliación dos edificios ten unha vixencia de 10 anos desde o momento da sinatura e as renovacións realizaranse, en todo caso, antes do 31 de decembro do último ano en vigor. Aínda que é un trámite obrigatorio con carácter xeral para todos os inmobles residenciais de vivenda colectiva con 50 anos ou máis, tamén será aplicable a aqueles cunha antigüidade inferior, sempre que así o determine a normativa municipal.

En todo caso, existen dous supostos nos que non é necesario presentar o IAE: os edificios que conten cunha declaración firme de ruína, que quedan exentos; e aqueles que teñan un certificado de inspección técnica de edificación (ITE), que só deberán completar a parte destinada á accesibilidade e eficiencia enerxética.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/11/2021