A Xunta destina máis de 5 M€ a impulsar a innovación nas aldeas galegas para contribuír a retos como o da seguridade alimentaria e o asentamento da poboación

O conselleiro do Medio Rural avogou pola sustentabilidade e a intelixencia aplicadas “ás nosas aldeas de sempre”

Destacou que neste ano se comezou a traballar na elaboración do Plan de dinamización das aldeas modelo de Muimenta (Carballeda de Avia), Penedo (Boborás) e Osmo (Cenlle) e ao longo de 2022 porase en marcha o seu desenvolvemento

O proxecto enmárcase no concepto de Smart Villages da UE e na Estratexia Galicia Dixital 2030 e ten por obxectivo crear un territorio rural intelixente e a contribuír aos retos de seguridade alimentaria e de asentamento da poboación no rural

O evento contou coa participación de 250 empresas e entidades de innovación interesadas no proxecto
 

Santiago, 24 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta aposta pola dixitalización no rural e pola mellora progresiva das infraestruturas dixitais no agro. Así o reafirmou hoxe o conselleiro José González na apertura da xornada de lanzamento da consulta preliminar ao mercado do proxecto “aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles”, unha iniciativa de compra pública de innovación da Consellería do Medio Rural. Neste foro, González, que estivo acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, avogou pola sustentabilidade e a intelixencia aplicadas “ás nosas aldeas de sempre”.

Trátase dunha iniciativa da Consellería do Medio Rural que persegue obter solucións innovadoras para impulsar a recuperación dos núcleos rurais. O obxectivo é conseguir un territorio rural galego intelixente a través da creación dunha rede de aldeas modelo que potencien os grandes valores das áreas rurais e proporcionen aos actores locais as ferramentas para aproveitar o seu potencial e así contribuír aos grandes retos como a seguridade alimentaria ou o asentamento da poboación no rural, entre outros aspectos.

Do mesmo xeito, o conselleiro referiuse á necesidade de continuar incidindo en tecnoloxías como a internet das cousas, “perseguindo sempre máis formación, máis innovación e máis cultura empresarial”, remarcou. Trátase, engadiu, de buscar “calidade de vida, mercado laboral e máis e mellores servizos”.

Nesta liña, José González situou estes obxectivos no eido da sustentabilidade e sinalou que a través dela se lle dá unha vantaxe competitiva ao rural. Ademais, neste mesmo contexto, enxalzou que esta é “a mellor maneira de que aparezan novas oportunidades de emprego con futuro, favorecendo negocios para aqueles que desexan trasladarse e empezar a vivir en contornas rurais”. Por iso, defendeu esta consulta pública como o modo máis transparente e proactivo de buscar as sinerxías necesarias a prol dese crecemento dende o rural.
Neste mesmo sentido, o conselleiro remarcou que este ano xa se comezou a traballar na elaboración do Plan de dinamización de tres aldeas piloto: Muimenta (Carballeda de Avia), Penedo (Boborás) e Osmo (Cenlle), e ao longo de 2022 empezarase co seu desenvolvemento. Así mesmo, lembrou que en Galicia hai actualmente 14 aldeas modelo declaradas, das cales tres delas xa están en funcionamento e están destinadas a gandaría en extensivo con razas autóctonas.

Orzamento inicial

O proxecto presentado hoxe conta cun orzamento inicial superior aos 5 millóns de euros de fondos propios, que a Xunta espera poder ampliar con outras fontes de financiamento vinculadas a Next Generation UE ou ao programa FID do Ministerio de Ciencia e Innovación para acadar un orzamento global próximo aos 15 millóns de euros.

O evento celebrado hoxe na Cidade da Cultura marca o inicio do proxecto coa convocatoria da Consulta Preliminar ao Mercado mediante a cal a Consellería do Medio Rural pretende conseguir entre 15 e 20 ideas ou solucións innovadoras que teñan un orzamento aproximado de cincocentos mil a un millón e medio de euros. A convocatoria farase efectiva hoxe mesmo, mediante unha resolución que se publicará na web e no perfil do contratante da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A xornada contou coa asistencia de 250 empresas e entidades de innovación interesadas no proxecto.

Co fin de contribuír a un territorio rural intelixente galego, proporcionando ferramentas ás aldeas que permitan aproveitar as súas potencialidades, quérense desenvolver e implementar na rede de aldeas modelo solucións innovadoras en 4 liñas: desenvolvemento de servizos dixitais rurais, solucións para a bioeconomía en aldeas, sustentabilidade e aproveitamento da produción agraria en aldeas modelo (orientado á economía circular entre elas) e melloras no núcleo das aldeas modelo.

Estratexia Dixital de Galicia

Estas iniciativas enmárcanse na Estratexia Galicia Dixital 2030 que aposta no seu cuarto eixo por impulsar o proxecto territorio intelixente, que gazas a un uso intensivo das tecnoloxías permita mellorar a toma de decisións para o desenvolvemento rexional, tanto na definición das políticas públicas, como da vixilancia territorial e do desenvolvemento das estratexias de sostibilidade ambiental.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/11/2021