Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras da senda entre Xornes e a Igrexa de San Xoán, en Ponteceso, que suporán un investimento da Xunta de 446.000 euros

Construirase un novo itinerario peonil e ciclista de 1,3 km de lonxitude pola marxe dereita da AC-421, enlazando coa senda de Xornes-Buño-Canta la Rana, na que a Xunta investiu 535.000€

Para facilitar a visibilidade a senda será en formigón coloreado, con cuneta de seguridade e franxa axardinada onde sexa posible

As empresas interesadas en executar as obras dispoñen de prazo ata o vindeiro 20 de decembro para presentar as súas ofertas

A conselleira destaca o esforzo da Xunta para mellorar a seguridade da mobilidade dos veciños de Bergantiños, co impulso tamén das sendas de Soesto e de Serantes, en Laxe, ou a que dará acceso ao centro comercial de Coristanco

 

Ponteceso (A Coruña), 24 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación hoxe das obras da senda entre Xornes e A Igrexa de San Xoán, no concello de Ponteceso, que suporán un investimento da Xunta de 446.000 euros.

Vázquez Mourelle visitou esta mañá Ponteceso para presentar as actuacións previstas na estrada autonómica AC-421 ao seu paso por este municipio, onde avanzou o obxectivo da Xunta de iniciar as obras na primavera para que os veciños poidan ter á súa disposición xa o vindeiro ano este novo itinerario, pois os traballos teñen un prazo de execución de seis meses. Concretou que as empresas interesadas en realizar os traballos teñen ata o 20 de decembro para presentar as súas ofertas.

A titular do departamento de Infraestruturas e Mobilidade explicou que a actuación céntrase na construción dun novo itinerario de uso compartido peonil e ciclista pola marxe dereita da AC-421, que permitirá desprazamentos máis cómodos e seguros desde o núcleo de Xornes ata a Igrexa de San Xoán. Esta senda enlazará coa senda xa executada en Xornes-Buño-Canta la Rana, que supuxo un investimento da Xunta de arredor de 535.000 €.

Precisou que nova senda entre Xornes e a Igrexa de San Xoán acadará os 1,3 km de lonxitude e terá 2 metros de ancho, salvo en casos puntuais onde o ancho será maior, xa que se unirá o novo itinerario coa aliñación das parcelas para evitar que queden franxas baleiras no trazado.

A conselleira indicou que a senda será en formigón coloreado, para facilitar a visibilidade, e disporá, nos treitos onde sexa posible, de cuneta de seguridade e franxa axardinada. Completaranse os traballos coa execución da drenaxe e das canalizacións para alumeado público e telecomunicacións.

Segundo afirmou, con esta actuación búscase mellorar a seguridade dos peóns nesta contorna e fomentar os desprazamentos a pé dos veciños, dispoñendo tamén de mobiliario urbano, un banco que facilite o seu repouso.

Ethel Vázquez subliñou o traballo da Xunta para favorecer a mobilidade dos veciños de Ponteceso, pois esta obra se suma á xa executada entre Xornes-Buño-Canta la Rana, e se completará con outra nova actuación prevista no municipio.

Referiuse así ao proxecto de execución dunha nova senda no Couto, que se habilitará por ambas as marxes da estrada autonómica que vai a Corme, a AC-424. Trátase dun itinerario de aproximadamente medio quilómetro de lonxitude para dar continuidade ao existente e no que a Xunta investirá arredor de 320.000€.

Avanzou que a Xunta agarda poder licitar as obras canto antes, tan pronto se teña a mellor solución de integración paisaxística para o hórreo que hai na contorna e que, pese a non verse afectado polas obras, está considerado ben de interese cultural por ter máis de 100 anos e esixe unha intervención de posta en valor patrimonial.

Deste xeito, sinalou Ethel Vázquez, a Xunta suma un investimento de 1,3 M€ no concello de Ponteceso, en 3 sendas peonís para que os veciños poidan facer os seus desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro.

Referiuse, finalmente, a outras actuacións do Goberno galego na comarca de Bergantiños, destinadas a que os veciños poidan desprazarse de xeito máis cómodo, seguro e sustentable polas marxes das estradas autonómicas, como os novos itinerarios de Soesto e de Serantes, no concello de Laxe, ou o que conectará o centro comercial de Coristanco.

 

Data de actualización: 24/11/2021