Felicita a todos os participantes no concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais para centros educativos non universitarios, polo 25N-Día internacional contra a violencia de xénero, por agrandar, con propostas orixinais e creativas, ese NON que resume a loita

Feijóo destaca a educación en igualdade como un piar imprescindible para gañar a “loita infatigable” contra a violencia de xénero

Incide na importancia da prevención e lembra que os rapaces dos centros, as familias e o profesorado son tamén os protagonistas das medidas que a Xunta está a desenvolver para promover a igualdade

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a educación en igualdade como un piar imprescindible para gañar a “loita infatigable” contra a violencia de xénero.

Durante o acto de entrega de premios do concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais para centros educativos non universitarios, polo 25N-Día internacional contra a violencia de xénero, Feijóo incidiu na importancia da prevención. “Aí, na escola, no patio, na rúa, nas redes sociais, tamén ten que facerse presente a sensibilidade e sentido crítico que amosades hoxe”, dixo, en alusión aos galardoados.

“O Non ten que facerse viral”, engadiu, recordando que os rapaces dos centros son tamén os protagonistas das medidas que a Administración autonómica está a desenvolver para promover a igualdade. Non en van, Galicia foi a primeira comunidade en implantar un protocolo para a prevención, detección e intervención do ciberacoso; e a segunda en incluír unha materia sobre igualdade de xénero, complementándoa con outras como a Coeducación para o século XXI ou Sociedade Inclusiva.

Froito dese esforzo, salientou que, segundo os últimos datos do informe PISA, os alumnos galegos están nos postos de cabeza en tolerancia e respecto a outras culturas; e a educación galega sobresae non só en matemáticas, ciencias ou lectura, senón en valores transversais como o ben común, a sustentabilidade e a igualdade.

“E se isto é así, tamén o é grazas á participación activa dos profesores e das familias”, aseverou, referíndose a actividades como a celebración de escolas de nais e pais para a formación en temas de igualdade, ou a iniciativas para o emprego axeitado de internet e das novas tecnoloxías.

En relación ao profesorado, destacou a posta en marcha do Plan Anual de Formación do Profesorado, que conta cunha sección específica sobre igualdade e prevención da violencia de xénero; a Formación inicial en igualdade para os mestres que comezan na docencia; e a participación de máis de 2.500 docentes en actividades específicas de igualdade en 2020, tras ofertar máis de 570 horas de formación. Ademais de promover proxectos educativos para visibilizar ás mulleres de diferentes ámbitos profesionais; equipar as aulas con material para fomentar a igualdade; e estreitar o contacto mediante xornadas entre alumnos e mulleres referentes.

O presidente da Xunta concluíu dando os parabéns a todos os participantes no concurso de imaxes e pezas audiovisuais, por agrandar, con propostas orixinais e creativas, ese NON que resume a loita contra a violencia de xénero.

Centros premiados

No certame resultou recoñecido, como gañador na 1ª categoría -para alumnos de 5º e 6º de educación primaria e de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO)- o grupo do CEIP Casás de Lugo, pola peza audiovisual Xuntas e xuntos somos a forza. E segundo posto, outro centro de Lugo destacou pola calidade da súa proposta en vídeo co traballo Alza a túa voz, elaborado por sete alumnos e alumnas do IES Ánxel Fole.
Na 2ª categoría -dirixida a 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato, FP básica e de ciclos de grao medio e superior- o primeiro posto na modalidade de imaxe gráfica foi para unha alumna do Ies Saturnino Montojo de Ferrol pola obra Non deixes que te devoren. Concedéronse tamén un segundo premio, ao IES Laxeiro de Lalín, polo traballo en equipo Nas mans de todas-os está a escalada da violencia de xénero frear, e un accésit a unha alumna do IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela por Non deixes que volva a pasar. Denuncia.
Na modalidade audiovisual desta mesma categoría, o xurado valorou como mellor traballo a proposta de sete mozos e mozas do IES Vilalonga de Sanxenxo co título Sen cárcere nin carcereiro. Foi segundo o CIFP Leixa de Ferrol por Violencia Verbal e accésit o CPI Plurilingüe Navia de Suarna coa peza audiovisual Non estás soa dille non.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/11/2021