O conselleiro do Medio Rural respondeu cadansúa interpelación sobre os sectores lácteo e cárnico no pleno da Cámara galega

A Xunta insiste en sede parlamentaria en reclamar ao Goberno central un compromiso efectivo para que os gandeiros perciban prezos xustos polo seu produto

José González lembrou que o Goberno galego reclamou en repetidas ocasións ao Ministerio de Agricultura medidas eficaces para frear a venda a perdas nos sectores primarios, entre elas a incorporación da aplicación Conta Láctea á lei da cadea

O conselleiro lamentou que Madrid fixera “ouvidos xordos” ás múltiples peticións de Galicia e censurou a “pasividade” do Goberno Central neste asunto, unha actitude que contrapuxo ao intenso traballo da Xunta a prol destes eidos produtivos

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro do Medio Rural, José González, urxiu hoxe de novo ao Goberno Central a que actúe “para asegurar que o prezo que reciban os gandeiros polo seu produto teña capacidade para cubrir o custo de produción, deixando unha marxe de beneficio, como ocorre con calquera empresario”. Así o reiterou no pleno do Parlamento, en resposta a unha interpelación sobre o sector lácteo.

Na súa intervención, González lembrou que a Xunta reclamou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en varias ocasións e por distintas vías, tales como mocións ou emendas e incluso cartas ao propio ministro, que incluíra na lei da cadea alimentaria propostas para beneficiar este sector en Galicia e, por extensión, o sector primario en xeral. O conselleiro referiuse en particular á demanda de Galicia no sentido de que se incluíse nesta norma a consideración da aplicación informática Conta Láctea como forma de acreditación do custo efectivo de produción dos gandeiros.

Porén, José González lamentou que o ministro fixera “ouvidos xordos” ás múltiples peticións de Galicia e censurou a “pasividade” do Goberno Central neste asunto. En todo caso, engadiu, a Xunta segue a traballar a prol do sector e defendendo os intereses dos agricultores e gandeiros galegos.

Neste sentido, puxo en valor, especialmente, a posta en marcha da Estratexia de dinamización do sector lácteo como iniciativa para facer fronte, entre outras cuestións, ás subas de diferentes partidas, como é o caso da enerxía, do gasóleo ou do prezo das materias primas que compoñen o alimento do gando. Así, sinalou que, diante destas circunstancias, o Goberno galego traballa con “planificación, implicación e execución”.

Outras medidas debulladas polo conselleiro foron o selo de garantía “Galega 100%” ou o labor para impulsar a marca “Leite de pastoreo de Galicia”, que -indicou- vén reforzar “a nosa aposta pola diversificación da produción e o noso compromiso permanente pola calidade”. En parecidos termos, mencionou tamén o impulso á tramitación do Observatorio Lácteo, que ten como obxectivo darlle un pulo á produción e á transformación do leite en Galicia, así como a Manifestación de interese de proxectos do sector primario e agrolimentario e a propia Lei de recuperación da terra agraria.

Así mesmo, José González lembrou tamén o plan de pastos, como instrumento redutor de custos de alimentación para os gandeiros, e a aposta pola formación empresarial dos gandeiros, coa celebración de case que 70 accións formativas relacionadas directamente coa actividade do sector, entre eles os cursos Gandeiros 20_30, dos que se levan xa cinco edicións.

As axudas da PAC foron tamén destacadas polo conselleiro, quen puxo en valor o feito de que Galicia sexa das primeiras comunidades en facer o primeiro adianto destes pagos, que suporán máis de 160 millóns de euros -o límite máximo permitido pola normativa europea- para os gandeiros galegos.

Sector da carne

En resposta a outra interpelación, esta vez sobre o sector da carne de vacún, o titular de Medio Rural salientou tamén a aposta da Xunta por este eido produtivo, mediante actuacións como a estratexia específica, que se está a elaborar -remarcou- “desde o sector para o sector”.

Desta planificación, manifestou González, “sairán medidas concretas definidas por todos os elos da cadea de valor” co fin de consolidar esta actividade e garantir a remuda xeracional á fronte de explotacións rendibles. Trátase, tamén, de mellorar o nivel de transformación da industria cárnica e o valor engadido ao longo de toda a cadea, apostando polas producións sustentables, onde se teñan en conta criterios de benestar animal e sistemas respectuosos como a produción en extensivo.

Nesta mesma liña, o conselleiro insistiu en poñer en valor o resto de medidas aplicadas para apoiar os sectores primarios que xa debullou na anterior intervención sobre o lácteo. Así, reiterou a aposta pola mobilización de terras a través da Lei de recuperación da terra agraria, o plan de pastos ou a manifestación de interese pola que a Xunta recibiu preto de mil iniciativas que demandaban máis de 21.000 hectáreas, das cales unhas 13.200 foron xeolocalizadas exclusivamente para orientación produtiva gandeira.

Do mesmo xeito, lembrou iniciativas como o plan de pastos (9,5 millóns de euros para actuar nunhas 2.250 hectáreas), así como a xestión das axudas da PAC ou das achegas que recibe o sector gandeiro por distintos conceptos, entre eles polo labor das agrupacións de defensa sanitaria, pola reposición de gando, polo fomento das razas autóctonas, entre outras.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/11/2021