Máis de 450 profesionais abordan o uso das novas tecnoloxías nos museos nun encontro promovido pola Xunta na Coruña

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe as xornadas, que se desenvolven ata mañá no Museo de Belas Artes

Participan 22 relatores e máis de 400 persoas inscritas, de xeito presencial e en liña
 

A Coruña, 24 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou as Xornadas sobre Museos e Tecnoloxía, que se desenvolven hoxe e mañá no Museo de Belas Artes da Coruña promovidas pola Xunta. No encontro participan 22 profesionais procedentes de distintos puntos de Galicia e de España, así como de México e dos Estados Unidos de América, que abordarán os usos tecnolóxicos nos espazos museísticos para as máis de 450 persoas inscritas, 80 de xeito presencial e 380 en liña, moitas delas de países latinoamericanos.

Segundo sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade na súa intervención, o obxectivo da iniciativa é a “análise integral do uso e a implantación das novas tecnoloxías no ámbito dos museos”. Así, na primeira xornada abordarase o uso tecnolóxico na xestión interna museística e ao servizo dos ámbitos da conservación, do estudo das coleccións e da dixitalización. A necesidade dunha estratexia dixital, o open data, a sensorización e a intelixencia artificial son algúns dos temas previstos na primeira parte do programa, no que se combinan relatorios e experiencias.

Conexión coas persoas

Por outra banda, a xornada de mañá afondará na experiencia dos usuarios e no que supón a conexión dos museos coas persoas que os visitan tanto de xeito presencial como remoto, a prol dun achegamento fluído e enriquecedor aos contidos e ás actividades. Trataranse o uso educativo dos xogos, a realidade virtual, experiencias co arquivo dixital e proxectos de gamificación, entre outras propostas.

Nesta liña, o secretario xeral referiuse á aposta que está a facer a Xunta de Galicia para dotar os museos de xestión autonómica de novas ferramentas tecnolóxicas e webs melloradas. Trátase así de “reforzar a visibilidade e accesibilidade para a cidadanía, ao tempo que se facilita o traballo do persoal destes centros”.

Para Anxo M. Lorenzo, o uso das novas tecnoloxías non é xa un opción. “Agora máis que nunca son unha necesidade e unha solución, especialmente no contexto derivado da covid-19, que provocou novas maneiras de relacionarse en todo tipo de espazos e contornas”, apuntou.

As intervencións do encontro corren a cargo de persoas expertas en ámbitos como a conservación de museos, as novas tecnoloxías e as telecomunicacións. Participan tamén catedráticos de universidade que desenvolven o seu labor académico neste tema desde diferentes áreas, como a enxeñaría, a arquitectura, a arqueoloxía, a historia da arte, a comunicación ou as matemáticas.

Canto ao perfil das persoas inscritas, vai desde profesionais de museos e da xestión cultural, a técnicos de empresas privada ou estudantes de museoloxía.

Data de actualización: 24/11/2021