Miguel Corgos traslada aos empresarios o compromiso da Xunta co sector privado para favorecer a creación de riqueza e emprego

O conselleiro de Facenda e Administración Pública clausurou hoxe o V Foro APD-AGEF de Consejeros

Subliñou que o vindeiro ano Galicia contará cun orzamento de máis de 11.600 millóns de euros para pasar da reactivación á recuperación

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, trasladou hoxe aos empresarios o compromiso da Xunta de Galicia co sector privado para favorecer a creación de riqueza e do emprego.

Miguel Corgos clausurou hoxe o V Foro APD-AGEF de Consejeros -organizado pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) KPMG e o Banco Santander- onde explicou que o obxectivo colectivo debe ser pasar da reactivación a unha recuperación económica que reforce o crecemento san para medrar mellor e ser máis produtivos e competitivos.

Orzamentos 2022

Durante a súa intervención, o conselleiro de Facenda e Administración Pública destacou que os orzamentos do vindeiro ano acadarán os 11.627 millóns de euros e serán os máis altos da historia de Galicia. Neste sentido, sinalou que unha vez máis reforzan o gasto social -destinan 8.660 millóns de euros a sanidade, educación, servizos sociais e emprego- e o investimento produtivo con máis de 5.000 millóns en dous anos.

Ademais, volven baixar os impostos aos contribuíntes galegos. Neste marco, explicou que a Xunta baixará o IRPF ás galegas e galegos para que poidan incrementar o gasto privado e axudar así aos sectores económicos máis afectados pola crise. “Se as administracións deixamos máis cartos en mans dos cidadáns, estes consumen máis, reactívase a economía, favorécese o emprego, e con iso, a recadación”, apuntou.

Tamén se rebaixa un 10% o tipo xeral do Imposto de Transmisións Patrimoniais que pasa do 10 ao 9%, e no caso do Imposto de Patrimonio mantense o mínimo exento e bonifícase un 25% a cota. Así mesmo, mantéñense as rebaixas xa aprobadas no Imposto de Sucesións que sitúan a Galicia entre as comunidades autónomas con mellor tratamento fiscal para as herdanzas entre familiares directos e para os irmáns; e o Programa de Impostos 0 no Rural.

Finalmente, o conselleiro fixo fincapé na importancia dos fondos Next Generation, que serán unha das claves da recuperación económica, da súa velocidade e da súa consolidación, e sinalou que o reto común deber ser o de avanzar da man do sector privado cara a un novo modelo económico con proxectos transformadores que modernicen a estrutura de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/11/2021