A Xunta asina un convenio coa Fundación Juana de Vega para analizar e impulsar as fusións municipais

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, recordou que o mapa político-administrativo local en Galicia data do século XIX e precisa actualizarse “para ofrecer uns servizos públicos máis eficientes”

Os Orzamentos 2022 da Xunta reservan unha partida de 1,5M€ para procesos de fusións municipais

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio coa Fundación Juana de Vega para a realización dun estudo no que se analicen as fusións municipais levadas a cabo en Galicia, ademais de impulsar novos procesos.
O acordo materializouse no centro sociocultural de Cerdedo-Cotobade, unha infraestrutura que se beneficiou das achegas que o Goberno galego destina aos procesos de fusións municipais. Alfonso Rueda, que asistiu acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, recordou que o mapa político-administrativo local de Galicia data do século XIX e que precisa actualizarse “para ofrecer uns servizos públicos máis eficientes”.
Galicia foi pioneira no impulso das fusións municipais ao entender que, coa dispersión da poboación, os concellos pequenos cada vez teñen máis dificultades para xestionar e financiar os servizos que a súa veciñanza precisa, de aí que a Administración autonómica premie nas súas convocatorias de axudas públicas aquelas que cheguen de mancomunidades o entidades asociadas.
En Galicia fusionáronse nos últimos anos catro concellos: Oza e Cesuras no 2013 e Cerdedo e Cotobade no 2017. Pasados catro anos do proceso máis recente, a Xunta considera chegado o momento de analizar os resultados e as vantaxes para os cidadáns dos concellos fusionados, que ademais de beneficiarse das partidas destinadas ao fondo especial de fusións -que ascenderon a máis de 10,5 millóns de euros no período 2016-2021-, recibiron a práctica totalidade das axudas convocadas para as entidades locais que comparten servizos públicos.
O traballo da Fundación Juana se Vega, que conta cun equipo especializado na caracterización socioeconómica e demográfica dos concellos de Galicia, pretende tamén seguir promovendo a unión de concellos, un proceso que xa está a ser imitado noutras comunidades autónomas. A Xunta, por outra banda, seguirá favorecendo os procesos de fusións con axudas aos concellos que, de maneira voluntaria, opten por esa figura administrativa. De feito, nos proxecto dos Orzamentos para o 2022 figura a tal fin unha partida de 1,5 millóns de euros.