Conde reitera no Parlamento o compromiso da Xunta cos traballadores de Alcoa e a industria da Mariña

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, sinala no Parlamento que a Administración autonómica quere estar ao lado dos traballadores e das súas familias, defendendo as súas reivindicacións para que se garanta o mantemento dos empregos e da produción de aluminio primario

Sinala que o Goberno non está cumprindo a súa palabra, ao non fixar un prezo eléctrico competitivo nin autorizar unha intervención temporal da planta no caso de non atopar unha saída dialogada

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reiterou hoxe no Parlamento o compromiso da Xunta cos traballadores de Alcoa e a industria na Mariña. Así, apuntou que, mentres que o Goberno “non entendeu nada tras a folga da semana pasada”, a Administración autonómica quere estar ao lado dos traballadores e das súas familias, defendendo as súas reivindicacións para que se garanta o mantemento dos empregos e da produción de aluminio primario.

O vicepresidente económico sinalou que o Goberno non está a cumprir a súa palabra, xa que non fixa un prezo eléctrico competitivo para que as empresas interesadas en Alcoa formalicen as súas ofertas; nin intervén temporalmente a planta, no caso de non atopar unha saída dialogada. Fronte a isto, desde a Xunta, tal e como subliñou o responsable de Economía, Empresa e Innovación, seguirase esixindo a activación de todas as ferramentas que o Goberno ten á súa disposición para afrontar a venda de Alcoa con seguridade, incluída a intervención temporal a través da Sepi no caso de que non se desbloquee a operación de venda.

Dentro do seu compromiso coa industria galega e co emprego industrial, a Xunta declarou a industria electrointensiva como sector esencial e estratéxico en Galicia, para dar prioridade aos seus proxectos de modernización e transformación, reducindo á metade os prazos. A Administración autonómica tamén colaborou co comité de empresa e sindicatos nas medidas xudiciais adoptadas, e segue ao carón dos traballadores solicitando ao Goberno un prezo eléctrico competitivo e, de ser necesario, a intervención temporal da planta de San Cibrao a través da Sepi.

Apoio ao sector comercial

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación tamén se referiu esta tarde no Parlamento ao apoio decidido da Xunta á dinamización dos centros comerciais abertos e asociacións das prazas de abastos, para impulsar a a revitalización do comercio de proximidade.

Así, nos últimos seis anos convocáronse axudas por 12,3 millóns de euros, para beneficiar arredor dunhas 80 asociacións sen ánimo de lucro. Tal e como sinalou o vicepresidente, na convocatoria deste ano elevouse o orzamento desta orde de axudas nun 9%, ata os 2,25 millóns de euros, e acompañouse esta medida de outras como as axudas para a dixitalización e a modernización dos comercios, con preto de 5 millóns de euros; os Bonos Activa Comercio, que permitiron mobilizar 25 millóns de euros; ou as novas plataformas de market place de produtos agroalimentarios.

Ademais, este apoio específico da Dirección Xeral de Comercio e Consumo súmase ás axudas do Igape e do Inega en ámbitos como o emprendemento, a promoción económica ou a eficiencia enerxética, ademais dos apoios dos tres primeiros plans de rescate da Xunta de Galicia.