A Xunta axudará a 12 concellos lucenses a corrixir impactos paisaxísticos cun investimento de 149.000 euros

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver a primeira convocatoria desta orde de subvencións, que en toda Galicia chegará a 64 municipios

As achegas financiarán cinco proxectos de mellora de edificios municipais e outros para actuar en fontes, un lavadoiro, un hórreo e un quiosco da música

Guntín (Lugo), 25 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

Un total de 12 concellos lucenses beneficiaranse este ano da orde de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos en edificios e equipamentos públicos municipais, un programa pioneiro convocado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) no mes de setembro para avanzar na aposta da Xunta polo fermosismo.

Unha vez resolta a convocatoria e notificadas as concesións, 64 municipios galegos recibirán unha ou dúas subvencións ao abeiro deste programa, dotado dun orzamento total de 800.000 euros. De feito, o IET esgotou o orzamento dispoñible —tal e como se publicou no DOG o pasado 10 de novembro—, un dato que reflicte a boa acollida que tivo esta nova orde de axudas entre o municipalismo galego, así como o seu compromiso coa protección da paisaxe en todas as súas formas.

Cómpre subliñar que estas subvencións van dirixidas a concellos de menos de 20.000 habitantes co fin de axudalos a emendar o impacto negativo que causan sobre as súas contornas tanto edificios e dependencias que acollen servizos municipais —liña A, dotada con 400.000 euros—, como determinado tipo de equipamentos públicos da súa titularidade —liña B, cun orzamento tamén de 400.000 euros—.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe Guntín para coñecer o proxecto do concello de reformar unha edificación que destina a almacén municipal. Vanse acometer obras tanto na cuberta como nos paramentos ao abeiro destas achegas, mellorando a súa estética e funcionalidade.

Arias explicou que se distribuirán 149.000 euros entre os 12 concellos beneficiados na provincia. En concreto, catro recibirán axudas para executar diferentes proxectos de renovación e remate en edificios e outras dependencias que acollen servizos de carácter municipal. Outros sete municipios da provincia disporán de fondos para financiar obras de acondicionamento sobre outro tipo de equipamentos públicos —maioritariamente fontes— e a Ribas de Sil concedéronselle dúas axudas, unha para cada liña de actuación.

O importe da subvención supón o 70% do custo estimado da actuación a executar, cun límite de 25.000 euros se a intervención se centra nun edificio, e de 10.000 euros en caso de que se trate de fontes, lavadoiros públicos, palcos da música ou hórreos.

Todas as entidades locais beneficiarias no marco desta primeira convocatoria de axudas para corrixir impactos paisaxísticos en equipamentos municipais terán que executar os seus proxectos antes do 31 de decembro deste ano.

Ademais, cómpre lembrar que estas subvencións veñen complementar e reforzar a orde de axudas convocada polo IET co mesmo obxectivo o pasado mes de abril pero dirixida, nese caso, a propietarios individuais e comunidades de veciños con proxectos de intervención sobre edificacións particulares.

No seguinte cadro figuran os concellos da provincia de Lugo beneficiarios e a contía das axudas concedidas ao abeiro desta primeira convocatoria:

 

CONCELLO
LIÑA 1
LIÑA 2
TRABADA
17.500,00
 
RIBEIRA DE PIQUÍN
24.999,82
 
BARALLA
17.369,65
 
GUNTÍN
17.499,98
 
RIBAS DE SIL
11.478,88
7.453,60
MONDOÑEDO
10.000,00
 
RIBADEO
5.194,00
 
PEDRAFITA DO CEBREIRO
7.000,00
 
TABOADA
7.000,00
 
BECERREÁ
6.616,53
 
PANTÓN
6.980,74
 
CHANTADA
10.000,00
 
TOTAIS POR LIÑAS
141.639,60
7.453,60
TOTAL
149.093,20


 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/11/2021