Trenor visita a exposición que conmemora os 100 anos de falecemento de Emilia Pardo Bazán da sociedade filatélica da Coruña

A Coruña, 25 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou, esta mañá, a exposición que conmemora os 100 anos de falecemento de Dona Emilia Pardo Bazán, organizada pola Sociedade Filatélica da Coruña, que tamén celebra os seus 60 anos de actividade.

Nela exhíbense 26 achegas de de coleccionistas de Andalucía, Asturias. Galicia e o País Vasco e poden verse selos, cartas, documentos, libros e escritos orixinais de Dª Emilia. Con motivo desta mostra usarase un cuño especial, selo personalizado e tarxeta postal pre franqueada, ademais hai número especial da revista Porteo.


Trenor lembrou que na Coruña tamén está aberta outra mostra con este motivo, “O legado de Emilia Pardo Bazán” no Museo de Belas Artes da Coruña, que permanecerá neste espazo ata a primavera de 2022. Enmarcada na programación conmemorativa da Xunta polo centenario do pasamento de escritora, amosa as doazóns que lle fixeron ao museo María de las Nieves Quiroga y Pardo Bazán, filla da autora, e María Esteban-Collantes y Sandoval, irmá da nora de Pardo Bazán.

Esta iniciativa forma parte da programación de arredor de 40 actividades que se está a desenvolver, apoiadas pola Xunta, para poñer en valor o legado de Pardo Bazán ao longo de 2021, co gallo do centenario do falecemento da escritora.

“Trátase dunha programación extensa, variada e plural que nace da implicación e do compromiso de máis dunha trintena de institucións e entidades de Galicia, do resto de España e dos Estados Unidos”, sinalou o delegado. Nela inclúense exposicións, congresos internacionais coas universidades galegas, actividades formativas e divulgativas, e a conversión dixital dalgunha das súas obras, entre outras propostas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/11/2021