A Xunta promoverá os valores da economía social en Culturgal cun amplo programa de actividades para visibilizar o dinamismo do sector

O stand da Consellería de Emprego e Igualdade estará presente por sétimo ano consecutivo na Feira de Industrias Culturais que se celebra a partir de mañá en Pontevedra

No posto de economía social estarán representadas nove cooperativas e dúas sociedades laborais

Pontevedra, 25 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta apoiará unha edición máis ao sector cultural da economía social na Feira de Industrias Culturais (Culturgal) que se celebra esta fin de semana en Pontevedra e que recupera a presenza do público no recinto. O stand de economía social da Consellería de Emprego e Igualdade estará presente por sétimo ano consecutivo no evento que se celebra baixo o lema A cultura que toca. Once entidades -nove cooperativas e dúas sociedades laborais- presentarán os seus proxectos, produtos e servizos na cita de referencia da cultura galega.
As persoas que visiten o stand da Xunta de economía social atoparán, ademais das últimas novidades no catálogo das entidades, unha programación multidisciplinar que visibiliza a versatilidade e dinamismo do sector. A arte, a literatura, a creación escénica, a música e a narración oral protagonizan un repertorio de propostas para todos os públicos que se desenvolverán ao longo da fin de semana. Ademais, os asistentes poderán participar de forma continuada a dúas actividades de dinamización: 7H Cooperativa Cultural promove unha exposición work-in-progress de pezas artísticas orixinais e inéditas; e a editora Catro Ventos SCG premiará con exemplares de varios dos seus títulos a quen participe nunha xincana con pistas distribuídas por todo o recinto.
Nesta edición participan no stand as seguintes entidades: DesdeDez, fundada en 1999 que centra a súa actividade na xestión cultural; 7H Cooperativa Cultural, especialistas en inclusión, feminismo e capacidades diferentes que centra a súa actividade na comunicación cultural e a educación artística; Afactoria Atelier, obradoiro artesán dedicado á decoración slow dando vida a vellos trastos; BenCurisosa (Almeiro SCG), profesionais da cultura aberta que aposta pola implicación cidadá e a finalidade social dos proxectos; Cantro Ventos Editoras SCG, editorial en galego da economía social; Charlatana, que abarca distintas disciplinas como o circo, a música, o teatro infantil e xogos colaborativos, integrando valores como a igualdade, a cooperación, a reciclaxe e a cultura e lingua galega; Laboratorio Escénicos, espazo de formación, creación, investigación e desenvolvemento das Artes Escénicas con formación en danza, teatro e música; Miudiño, que leva a cabo obradoiros variados e venda e alugar de xogos e xoguetes de madeira de alta calidade artesá; O cable inglés, que ofrece servizos de comunicación, produción e deseño; Urdime, centrada na xestión de proxectos culturais, con especial dedicación á infancia e á xuventude; e Xeneme Innovación social, consultora galega de deseño, desenvolvemento de proxectos socioeducativos e culturais.

Data de actualización: 25/11/2021