A SD Compostela promocionará a marca Galicia Calidade grazas á colaboración co club

O director de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, presentou esta mañá xunto co presidente da sociedade deportiva, Antonio Quinteiro, o acordo para o que resta de tempada

A camiseta de adestramento e de quecemento antes dos partidos contará co selo de garantía, e estará á venda na tenda oficial do club de fútbol

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Comercio e Consumo e presidente de Galicia Calidade, Manuel Heredia, asinou esta mañá un acordo de colaboración co presidente da SD Compostela, Antonio Quinteiro. Grazas ao mesmo, o club de fútbol santiagués lucirá o logo de Galicia Calidade na camiseta do equipamento de adestramento e de quecemento antes dos partidos, que estará á venda en distintas cores na tenda oficial do club que ten na zona vella de Santiago de Compostela.

O director xeral de Comercio destacou que o acordo, que terá vigor para o que resta de tempada 2021-2022, “é froito da aposta que desde Galicia Calidade se vén facendo polo deporte galego, o mellor escaparate para promocionar o selo de garantía tanto en Galicia como no resto de España”.

Ademais da mencionada presenza na roupa deportiva, a SD Compostela promocionará o selo de Galicia Calidade na súa páxina web e redes sociais, onde se sitúa como o cuarto equipo de Galicia en número de seguidores.

Galicia Calidade conta na actualidade con máis de 400 produtos e servizos certificados dun total de 140 empresas galegas. Pódese consultar máis información sobre as empresas en galiciacalidade.gal.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/11/2021