A Xunta reforza o seu apoio á economía social cun 6,1% máis de orzamento para 2022 nas liñas de axudas e programas para impulsar esta fórmula empresarial

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, sinalou hoxe no Pleno do Consello Galego de Cooperativas que a Xunta refozará en 2022 o seu apoio á economía social incrementando nun 6,1% o orzamento para as liñas de axudas e programas cos que impulsa esta fórmula empresarial, na que se inclúe os modelos de negocio baseados no cooperativismo.
Toca puxo en valor a relevancia da economía social polos valores que fomenta e, por iso, destacou o apoio da Administración autonómica a este ámbito no que investirá o próximo ano máis de 35 millóns de euros. A directora xeral lembrou que xa en 2021 con respecto a 2020 o orzamento aumentou nun 20%. “A aposta que facemos pola economía social non se limita a reforzar os programas ordinarios de demostrado éxito senón tamén, a maiores, ten a vocación de manter a Galicia na vangarda en medidas de impulso deste sector”, apuntou.
Para o 2022, a Consellería de Emprego e Igualdade porá en marcha dúas novas iniciativas neste eido. O programa Es-Próxima para definir un selo de identidade da economía social en Galicia, poñendo en valor os beneficios que reporta á comunidade, así como a calidade dos seus produtos e servizos, contribuíndo ao mesmo tempo ao fomento do consumo e da demanda nesta área; e o Es-Factory, un programa de aceleradoras de emprendemento vinculadas á economía social, co que se orientará e acompañará ás persoas promotoras de proxectos empresariais baixo fórmulas de economía social e de proximidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/11/2021