O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá o lugar onde se desenvolverán as actuacións

A Xunta anuncia a licitación das obras de renovación do firme, reparación de beirarrúas e mellora da accesibilidade en tres estradas autonómicas ao seu paso polo concello de Maceda, cun investimento de 568.000 €

O delegado territorial puxo esta intervención como un claro exemplo da aposta da Xunta "por impulsar a mellora de infraestruturas vertebradoras" no interior da Comunidade, contribuíndo así "a un rural vivo"

Explicou que se renovará o firme e se repararán as beirarrúas na estrada OU-104, que conecta o Alto do Couso e Maceda, e se mellorará a accesibilidade das vías autonómicas OU-101, Ourense-Maceda, e OU-103, Maceda-Os Milagres do Medo

Ourense, 25 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, avanzou a próxima licitación das obras de renovación do firme e reparación de beirarrúas na estrada OU-104, así como a mellora da accesibilidade nas estradas OU-101 e OU-103, ao seu paso polo concello de Maceda, que suporán un investimento da Xunta de 568.272 euros.

Gabriel Alén visitou esta mañá o lugar onde se van realizar estas actuacións de mellora da seguridade viaria, trasladándolle ao alcalde, Rubén Quintas, a previsión da publicación, este mesmo venres na Plataforma de Contratos de Galicia, da licitación das actuacións.

As empresas interesadas en levar a cabo estes traballos terán de prazo ata o vindeiro 22 de decembro para presentar as súas ofertas. O prazo de execución destas intervencións será de 5 meses.

O delegado territorial puxo esta intervención como un claro exemplo da aposta da Xunta "por impulsar a mellora de infraestruturas vertebradoras" no interior da Comunidade, contribuíndo así "a un rural vivo".

Este tipo de actuacións, segundo Gabriel Alén “servirán para mellorar a seguridade de condutores e peóns, así como a estética e a funcionalidade da principal vía de Maceda.

Actuacións previstas

As obras consistirán na substitución da capa de rodadura e na reparación de beirarrúas na OU–104, a estrada autonómica entre o Alto do Couso e Maceda, concretamente, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 5+370 e 5+980. Ademais, mellorarase a accesibilidade nas estradas autonómicas OU-101, Ourense-Maceda, e OU-103, Maceda-Os Milagres do Medo.

O proxecto prevé, ademais, a recollida das augas de escorras superficiais ao longo do trazado dos treitos das tres estradas nos que se actúa, que se realizarán mediante sumidoiros e reixas-sumidoiro a base dun canal de formigón que se conectarán á rede municipal existente de evacuación de augas pluviais que discorre pola zona de actuación.

Instalaranse, ademais, 47 luminarias de módulo LED fabricadas en aluminio inxectado sobre columnas troncocónicas de 7 m de altura fabricadas en chapa de aceiro ao carbono; e executaranse canalizacións subterráneas para previsión de futuras instalacións de baixa tensión e telecomunicacións no núcleo de Maceda.

Os pavimentos de formigón proxectados executaranse cun formigón de firme tipo HF-4,0 cun grosor mínimo unha vez compactado de 18 cm.

Plantaranse, así mesmo, 29 novas árbores, (15 carballos comúns e 14 carballos meloxos) en alcorques de nova execución recheos cun pavimento drenante realizado "in situ" cun morteiro a base de resinas e áridos de cor; e colocaranse 52 asentos de formigón prefabricado de 50×50×45 cm, fixados ao chan polo seu propio peso.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/11/2021