Vigo convértese da man do Xacobeo 21-22 no epicentro da maxia a nivel mundial cos mellores artistas nacionais e internacionais no Teatro Salesianos

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o coordinador e director artístico Roberto Lolo, presentaron hoxe a I Gala Internacional de Maxia Xacobeo 21-22 que se celebrará o vindeiro 6 de decembro na cidade viguesa

Magos da talla de Juan Tamariz, Dani Daortiz, Mag Lari, Dania Díaz, Yann Frisch, Anthony Blake coincidirán todos xuntos por primeira vez sobre o mesmo escenario

Vigo, 25 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A I Gala Internacional de Maxia Xacobeo 21-22 que terá lugar no Teatro Salesianos de Vigo o vindeiro 6 de decembro ameaza con ser a mellor de todas cantas se recordan en España. Así o destacaron hoxe, coincidindo coa súa presentación, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o coordinador e director artístico Roberto Lolo.
“Nunhas datas tan máxicas como son as festas do Nadal non podía faltar unha programación á altura, cun cartel de luxo que fará coincidir no mesmo escenario aos mellores artistas nacionais e internacionais e que, ademais, se celebrará na nosa cidade”, apuntou Fernández-Tapias.

Unha constelación de seis estrelas máxicas nun evento único, nunca visto en España”, aseverou, que estará dirixido por un dos magos galegos máis recoñecidos e admirados en Galicia e respectados a nivel nacional, Roberto Lolo, do que acentuou o seu característico humor e a súa capacidade de improvisación.

“E todo isto baixo o paraugas do Xacobeo”, destacou para reivindicar unha vez máis que “o Xacobeo está en Vigo, que o Camiño Portugués da Costa é o mellor reclamo turístico do que podemos presumir e que o Camiño de Santiago é moito máis que turismo; é deporte, cultura, música, arte, literatura e agora maxia”.

Pola súa banda, Ledo, con máis de 16 anos de experiencia ao fronte do Festival Internacional de Magia Villa de Sarria (Maxia no Camiño) colleitando o éxito da crítica e do público, apuntou que xamais se vira a semellante elenco de artistas nunha soa gala.
A I Gala Internacional de Maxia Xacobeo 21-22 contará así con magos da talla de Juan Tamariz, lenda viva da maxia no noso país; Dani Daortiz, considerado o mellor cartomago do mundo; a maga venezolana Dania Díaz, semifinalista de Got Talent América e dobre botón de ouro na versión española, todo un prodixio; Mag Lari, recoñecido como un dos artistas máis influentes, populares e televisivos do panorama actual; Yann Frisch, o mellor do mundo segundo a Federación Internacional da maxia; e o mentalista de referencia nacional e internacional, Anthony Blake.

As entradas poden adquirirse no seguinte enlace: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/varios/teatro-cine-salesianos/13076--i-gala-internacional-de-maxia-xacobeo-2021-cidade-de-vigo-.html.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/11/2021