Visto e prace do Consorcio Casco Vello de Vigo á adquisición dun novo edificio na Ribeira do Berbés

A presidenta do CCVV e delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe que a operación de compravenda pechouse en 150.000 euros

Sinalou que suporá a incorporación de dúas novas vivendas e un baixo comercial no número 39 da fachada do barrio histórico, na que xa se rehabilitaron os números 29 e 31, o albergue público de peregrinos e a sede da Universidade de Vigo
 

Compartir
  • whatsapp

Vigo, 25 de novembro de 2021.- A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe do visto e prace do organismo rehabilitador á compra dun novo edificio na Ribeira do Berbés, concretamente do número 39.

Unha operación de compravenda que, segundo sinalou, pechouse en 150.000 euros, e coa que, en palabras da representante autonómica, “seguimos a recuperar a fachada marítima cunha nova adquisición, tras a rehabilitación dos número 29 e 31, a construción do albergue público de peregrinos e a sede da Universidade de Vigo”.

Neste sentido, indicou que esta actuación reafirma o compromiso adquirido polo CCVV de intensificar a intervención na parte baixa do barrio histórico tras anos centrados na recuperación da parte alta. Abundou así na necesidade de concluír intervencións aínda en marcha na zona alta do casco vello vigués ao tempo no que se incrementa a actuación pública na zona baixa, especialmente na contorna da Praza do Berbés e Poboadores, na que por distintas circunstancias a promoción privada atopa dificultades para acometer inversións. “Seguimos apostando por cumprir cos obxectivos marcados xa que, aínda que se avanzou moito na reconstrución do casco vello, queda moito por facer”, dixo, en clara referencia ao ambicioso plan de actuación dos vindeiros catro anos que contempla a compra de 25 novas edificacións.

Cun conxunto edificable de máis de 7.000 metros cadrados, a representante autonómica indicou que suporá a posta no mercado de 45 vivendas de promoción pública ata o 2025, o que implicará a mobilización de 14,5 millóns de euros ao longo deste cuadrienio.

En canto ao inmoble de Berbés 39, Fernández-Tapias detallou que suporá a incorporación ao mercado de dúas vivendas de promoción pública neste ámbito, que rozaran os 80 metros cadrados, e un baixo comercial.

A presidenta do CCVV defendeu así a necesidade darlle continuidade ao valioso traballo de recuperación edificatoria e patrimonial que está a realizar o Consorcio do Casco Vello, organismo participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello de Vigo, facilitando cos seus investimentos o acceso a unha vivenda a decenas de familias e a revitalización da zona histórica.
Desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 29 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito permitindo a adquisición de 82 edificios e a posta no mercado de 117 vivendas de protección autonómica (VPA).

 

Data de actualización: 25/11/2021