Feijóo avanza que a nova edición do programa Renove Automoción prevé apoiar a compra duns 1.100 vehículos eficientes por parte de cidadáns e empresas

Salienta que o plan conta cun investimento de 2,5 M€ -máis do triplo que na anterior edición- e unha previsión de mobilización de 26 M€

Explica que suporá unha redución de custos de mobilidade por diminución dos consumos; un aforro enerxético duns 250.000 litros de combustible ao ano, e unha redución de emisións de CO2 equivalente á plantación de 36.000 árbores

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, tras a reunión do Consello, que a nova edición do programa Renove Automoción prevé apoiar a compra duns 1.100 vehículos eficientes por parte de cidadáns e empresas.

Nesta ocasión, o plan da Xunta para fomentar a mobilidade eficiente conta cun investimento de 2,5 millóns de euros -máis do triplo que na anterior edición- e unha previsión de mobilización de 26 M€.

Ademais, segundo explicou Feijóo, suporá “unha redución de custos de mobilidade por diminución dos consumos; un aforro enerxético duns 250.000 litros de combustible ao ano, e unha redución de emisións de CO2 equivalente á plantación de 36.000 árbores”.

“Trátase de potenciar a substitución de vehículos que teñan xa unha antigüidade por outros novos máis modernos e eficientes”, aseverou o presidente da Xunta, quen lembrou que a media de idade do parque móbil galego é de 14 anos.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que mediante o Renove Automoción os particulares con residencia en Galicia poderán mercar un único vehículo e as empresas e autónomos con domicilio social ou centro de traballo na Comunidade poderán adquirir ata 10 unidades. En todo caso será preciso que o comprador acredite a baixa definitiva dun vehículo para chatarra de polo menos 10 anos de antigüidade -no caso de turismos- e de 5 anos –nas furgonetas-.

As axudas oscilarán entre os 3.000 e os 4.000 euros en función do tipo de vehículo. Entre 2.000 e 3.000 € son achegados pola Xunta e 1.000 euros polo concesionario. No caso das familias numerosas, os apoios increméntanse nun 20% adicional ata acadar entre os 3.400 e os 4.600 euros.

No tocante aos prazos de solicitude, para os compradores interesados comeza o vindeiro 17 de xaneiro e os concesionarios poden adherirse ao día seguinte da publicación da convocatoria no DOG.

Logo de lembrar que esta será a terceira edición do programa despois de destinar 1,8 millóns de euros para apoiar a compra de preto de 760 vehículos, Feijóo concluíu incidindo en que con esta nova edición do Renove Automoción “imos dinamizar a economía, imos reducir as emisións e imos darlle un pulo ás matriculacións”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/11/2021