A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento

A Xunta confirma que se as analíticas realizadas na canteira de Varilongo arroxan incumprimentos iniciará o expediente sancionador que corresponda

Teresa Gutiérrez sinalou que Augas de Galicia, tras a notificación recibida por parte do 112, realizou analíticas o pasado 11 de novembro nas liñas de auga da empresa explotadora desta canteira situada en Santa Comba

Adianta que a Xunta, unha vez dispoña dos resultados das mostraxes efectuadas, adoptará as medidas necesarias para dar cumprimento á lexislación vixente

Salienta que Augas de Galicia cumpre estritamente a lei, vela pola calidade das augas dos ríos e exixe que se minimicen as afeccións
 

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta avanza que se as analíticas na canteira de Varilongo, no concello de Santa Comba, arroxan incumprimentos, iniciará o expediente sancionar que corresponda.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento, onde explicou que o 11 de novembro a Xunta recibiu unha alerta do Servizo de Emerxencias 112 relativa aos vertidos neste punto.

Indicou que os técnicos de Augas de Galicia se desprazaron ao lugar para efectuar as correspondentes inspeccións, tomando tamén mostras das liñas de auga da empresa explotadora.

Neste sentido, a directora explicou que a Xunta, unha vez dispoña dos resultados das analíticas realizadas, adoptará as medidas necesarias para dar así cumprimento á lexislación vixente.

Sinalou que Augas de Galicia, tras recibir unha solicitude de vertido por parte da empresa, resolverá o expediente seguindo os criterios técnicos, que concluirán se procede a autorización ou non, e en que condicións, para garantir o bo estado da masa de auga.

Fixo fincapé en que Augas de Galicia cumpre estritamente a lei, vela pola calidade das augas dos ríos e exixe que se minimicen as afeccións aos mesmos.

Cómpre lembrar, por exemplo, que a raíz dos episodios de turbidez no río Eume a Xunta sancionou, con 1,9 M€, a Endesa polo incumprimento das condicións do réxime de explotación do encoro.
 

Data de actualización: 25/11/2021