O conselleiro do Medio Rural e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participaron esta tarde en Ourense no acto de entrega dos Premios Ribeiro 2021

A Xunta destaca que a Estratexia do viño permitirá consolidar Galicia como destino enoturístico de referencia en viños de calidade

José González sinalou que coa Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia estase a reforzar o desenvolvemento rendible e sostible deste sector produtivo e das súas zonas de produción

Subliñou a posición e o recoñecemento que teñen os viños galegos de calidade dentro e fóra de Galicia, unha posición que se consolidan grazas ao traballo de máis de 10.000 viticultores e case 500 adegas

Ourense, 25 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou esta tarde en Ourense no acto de entrega dos Premios Ribeiro 2021. Alí, destacou que a Xunta busca consolidar Galicia como destino enoturístico de referencia en viños de calidade.

Para iso, salientou, que a Xunta puxo en marcha a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia -en colaboración cos sector- co fin de reforzar o desenvolvemento rendible e sostible deste eido produtivo e das súas zonas de produción, así como consolidar a imaxe dos viños galegos de calidade.

Así, incidiu, esta estratexia enmárcase como unha planificación a medio e longo prazo na que todos os axentes da cadea teñen que participar, procurando sinerxías e entendendo que as actividades complementarias do viño teñen que amparar a produción, a promoción e a comercialización deste produto de calidade. Desta forma, salientou González, conseguirase conectar o viño co seu territorio, aumentando desta forma a competitividade deste sector en Galicia.

Ademais, o titular de Medio Rural destacou a importancia de recuperar nestas comarcas vitivinícolas o territorio que agora está en desuso ou infrautilizado, non só para ampliar a súa produción senón tamén para recuperar todo o potencial que teñen estas zonas. Neste senso, entre as cinco denominacións de orixe do viño solicitaron máis de 10.000 hectáreas de terra produtiva en estado de abandono, co fin de poder ampliar a súa produción.

O conselleiro sinalou que desta superficie total demandada, o consello regulador da denominación de orixe Ribeiro solicitou unhas 1.400 hectáreas localizadas na súa comarca. Unha demanda, indicou José González, na que se está a traballar mediante o impulso das distintas ferramentas que ofrece a nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, entre elas os polígonos agroforestais. Precisamente, a día de hoxe a Consellería está poñendo en marcha case unha decena destes polígonos, a maior parte destes destinados a viñedo.

Por último, o titular de Medio Rural trasladou os seus parabéns a todos os premiados, non só aos mellores viños do ano, senón tamén aos demais galardoados polo seu traballo e esforzo a prol dun sector clave na economía de Galicia. Un dos eidos produtivos máis internacionais que xera un valor económico que supera os 230 millóns de euros, grazas aos máis de 10.000 viticultores e case 500 adegas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/11/2021