O conselleiro de Educación elevou a posición galega á Conferencia Sectorial logo de escoitar ás anpas, sindicatos e direccións dos centros

A Xunta estenderá á ESO os mesmos criterios de nota media que o Goberno fixa para Bacharelato

O Executivo galego publicará unha orde que, como consecuencia do decreto do Goberno, facilite o labor do profesorado para que poida avaliar con criterios, certezas e seguridade xurídica, tal e como demandan os equipos directivos dos centros

Román Rodríguez subliña que con esta medida garántese o dereito do alumnado a unha avaliación obxectiva

Os equipos docentes tomarán as decisións de promoción e titulación a través dunha avaliación final individualizada que se decidirá tras o remate das clases do 21 de xuño

A terceira avaliación mantense a principios de xuño e as semanas que restan ata a finalización das clases dedicaranse a reforzo de competencias, con especial fincapé para que quen máis o precise adquira as competencias básicas e o resto poida seguir tamén mellorando resultados no seu conxunto

O conselleiro subliña que a Xunta está aportando solucións obxectivas e responsables ante o caos xerado polo Goberno

Segundo os últimos datos do Ministerio, Galicia é a segunda comunidade onde máis alumnado de 4º de ESO titula, co 96% de aprobados fronte ao 93,1% de media estatal

Román Rodríguez salienta que estas cifras, xunto á redución do fracaso e á mellora dos resultados, avalan que o actual sistema educativo galego “baseado na cultura do esforzo e da calidade está dando os seus froitos”

Santiago de Compostela, 25 de novembro 2021
Compartir
  • whatsapp

O Goberno galego vai publicar unha orde que, como consecuencia do desenvolvemento do decreto do Goberno, facilite o labor do profesorado para que poida levar a cabo as avaliacións do Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) con criterios comúns, con certezas e con toda a seguridade xurídica, tal e como demandan os equipos directivos dos centros educativos.

Segundo expuxo esta tarde ante a Conferencia Sectorial de Educación o conselleiro Román Rodríguez, a Xunta -logo de escoitar á comunidade educativa (anpas, sindicatos e directores)- vai establecer uns criterios de avaliación e promoción que aclaren as incertezas xeradas polo real decreto do Goberno do Estado, que dean certezas, que atendan a todas as casuísticas e que, sobre todo “garanta o dereito do alumnado a unha avaliación obxectiva” fronte ao “caos e improvisación” xerado desde o Ministerio.

Criterios de nota medida

No que atinxe á promoción do alumnado de Secundaria Obrigatoria, o conselleiro avanzou que nesta normativa, a Xunta establecerá para a ESO os mesmos criterios de nota media que o Real Decreto do Estado fixa para a etapa de Bacharelato.

Isto é, que a nota media do expediente dun alumno ten que acadar unha puntuación igual ou superior a 5 para poder promocionar, ao igual que ocorre cos estudantes de Bacharelato. Trátase, en palabras de Román Rodríguez, “dunha medida que lle confire seguridade e obxectividade aos equipos docentes” fronte á arbitrariedade que rexe na normativa estatal respecto á ESO, que se incorporará na nova orde de desenvolvemento xunto a outros criterios que se definirán na propia normativa.

Avaliación final tras o remate das clases

Así mesmo, outro dos puntos abordados foi a necesidade de adaptación do calendario escolar “como consecuencia da supresión dos exames de recuperación imposta polo Goberno do Estado nunha decisión unilateral e tomada ás costas das comunidades autónomas”, recalcou o conselleiro.

A este respecto, as avaliacións do terceiro trimestre mantéñense a principios de xuño e a actividade lectiva nas aulas en Galicia esténdese ata o día 21 de xuño, tal e como xa estaba configurado. A partir do 21 de xuño, unha vez rematadas as clases, os equipos docentes deberán reunirse para emitir a avaliación do conxunto do curso escolar cun informe individualizado por alumno tendo en conta os resultados e a traxectoria académica do conxunto do período lectivo.

O período entre a terceira avaliación e o remate de clases para a posterior avaliación final vaise empregar para apoio e reforzo para o conxunto do alumnado, de xeito que aquel que o precise adquira as competencias básicas e o resto poida seguir tamén avanzando no seu conxunto, acadando así un mellor resultado.

Así pois, segundo explicou Román Rodríguez, “estamos ofrecendo unha solución ao caos xerado polo Goberno do Estado”, actuando “con responsabilidade” con decisións concretas e obxectivas que se centrarán en dar “seguridade xurídica” aos equipos docentes e garantindo “o dereito dos alumnos a unha avaliación obxectiva”, recalcou.

Ademais, a reordenación do calendario -con clases presenciais ata o día 21 e os informes de avaliación final tras esa data- non altera as datas lectivas xa coñecidas, polo que non terá consecuencias a efectos de conciliación para as familias.

Galicia, á cabeza en titulación

Por outra parte, cómpre sinalar que, segundo o último informe do Ministerio de Educación e Formación Profesional correspondente ao curso 2019-20, Galicia é a segunda comunidade autónoma (tras Cantabria) onde máis alumnado de 4º de ESO titula, cun 96% de estudantes fronte ao 93,1% de medida estatal.

Un dato que, en palabras de Román Rodríguez, corrobora que “o actual modelo da Xunta de apostar pola cultura do esforzo está dando resultados moi destacados, e seguiremos traballando a prol dun sistema educativo que siga sendo referente de calidade, de equidade e de igualdade”. “Enmárcase, ademais, na liña fixada pola forte redución do fracaso escolar na última década e a mellora integral de resultados”, abondou.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/11/2021